Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Estiveron na Escola Infantil Municipal, no CODI e visitaron aos usuarios do Centro de Día

- Melchor, Gaspar e Baltasar tamén acudiron ao festival que celebraron en Chanteclair o CRA e os colexios de Baño e Cordeiro

Magos1

Valga, 21 de decembro de 2018.

Os Reis Magos estiveron esta mañá en Valga, saudando e enchendo de ilusión a os máis pequenos e visitando aos usuarios do CODI e do Centro de Día. Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados polos seus paxes, adiantaron a súa chegada á vila para recoller as últimas cartas dos rapaces e asegurarse de que ningún quedará sen xoguete este Nadal.

A súa visita comezou pola Escola Infantil Municipal, onde os nenos e o equipo educativo os recibiron con vítores e moita ledicia. Os Magos de Oriente repartiron caramelos entre os pequerrechos, que puideron saudalos e facerlle as súas peticións de regalos.

A seguinte parada da comitiva real foi no CODI, para alegría dos seus usuarios, que os estaban agardando con moita impaciencia. Tamén alí, os Reis repartiron caramelos e saudaron aos familiares que se achegaron ao centro con motivo desta visita tan especial.

Foi unha mañá de moito traballo para Melchor, Gaspar e Baltasar, que a continuación se desprazaron ata a sala de festas Chanteclair, onde o alumnado dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo e das escolas unitarias de Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza estaban a celebrar un festival de Nadal. Dende o escenario os Magos dirixíronse a todos os rapaces, instalaron o seu buzón real para que deixaran as súas cartas e foronos recibindo un por un.

Por último, antes de despedirse, os Reis fixeron tamén unha visita ao Centro de Día para saudar aos seus usuarios.

Os Magos regresarán a Valga o vindeiro 5 de xaneiro, para percorrer o municipio na tradicional Cabalgata e, pola noite, deixar os regalos en todos os fogares.

Magos2 Magos3

Magos4 Magos5

Magos6 Magos7

Magos8 Magos9

Volver