Accessibility Tools

 

         SEIS MOZOS DESEMPREGADOS DE VALGA INICIAN A SÚA FORMACIÓN EN ALBANELERÍA E FORESTAIS NUN NOVO OBRADOIRO XUVENIL

  • O alcalde e a concelleira de Emprego participaron este mediodía no acto inaugural
  • A Xunta aporta 439.000 euros para o desenvolvemento deste proxecto, no que tamén participan Moraña e Portas

 

Seis mozos de Valga iniciaron hoxe a súa formación nun novo obradoiro de emprego xuvenil, promovido polos concellos de Valga, Moraña e Portas e financiado con 439.000 euros da Xunta de Galicia. Un total de 16 aprendices participarán durante un ano no proxecto formativo, que conta coas especialidades de forestais e albanelería.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez, asistiron este mediodía ao acto de inauguración, que contou coa participación do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ao que acompañou o director territorial de Emprego, José A. Rodríguez Fachado. Tamén asistiron os rexedores de Moraña e Portas, José Luis Gómez e Ricardo Martínez, así coma o persoal directivo e docente e os alumnos, aos que a directora, Mari Carmen Vidal, pediu “implicación, entusiasmo e ilusión” para afrontar “unha oportunidade que non debedes desaproveitar. As administracións están a facer un esforzo económico moi importante ao que debedes corresponder”, sinalou.

Na mesma liña, Bello Maneiro apelou á “unión de todos, Concellos, profesorado e alumnado” para que o proxecto sexa un éxito e as expectativas se vexan cumpridas. “Debedes ter ilusión por formarvos nestas dúas profesións”, posto que, tal e como destacaron os representantes das distintas administracións implicadas, “hai demanda e tendes moitas posibilidades de atopar un traballo”.

O delegado foi o encargado de pechar o acto e indicou que “na provincia de Pontevedra só se concederon seis obradoiros de Garantía Xuvenil, o que demostra que estes tres concellos fixeron un gran traballo para que vós (referíndose aos alumnos) teñades esta oportunidade. Paga a pena que fagades un esforzo e que aproveitedes as 1.920 horas de formación teórica e práctica que ides recibir e deixedes a vosa pegada nos tres municipios” en forma de obras e actuacións de mellora.

A formación deste Obradoiro deu comezo hoxe mesmo co módulo de seguridade e saúde no traballo, de 60 horas de duración.

 

 

 

 

obradoiro xovenes

Volver