Igrexa Santa María de Xanza Construída por orde do arcebispo Diego Xelmírez no século XI, ten planta de nave única e ábsida rectangular. A pesar das remodelacións, conserva a estrutura románica orixinal. Esta xoia arquitectónica do románico ten unha pía bautismal cadrada, o retablo barroco do século XVIII e, na parte posterior, un campanario exento. Igrexa San Miguel de Valga De estilo neoclásico, construída no 1750, posúe planta rectangular, nave única, ábsida e capela lateral. O seu trazo máis destacado é a torre-campanario situada no centro da fachada principal. Tamén destacan o vía Crucis e a casa reitoral, onde se pode ver o hórreo e o pombal.
Igrexa de Santa Cristina de Campaña A igrexa parroquial de Santa Cristina de Campaña é un templo románico do século XII. Destacan as súas pinturas murais, das que se conservan boa parte, e que teñen un grande interese polo tamaño e proporcionalidade das figuras e por reflectir a forma de traballar dos artesáns entre os séculos XV-XVI. Entre as pinturas cabe destacar a da Anunciación. Deste templo, dunha soa nave, existen referencias dende o ano 1115, no que foi concedida por Xelmírez ao Mosterio de San Martín Pinario.
Igrexa de San Salvador de Setecoros A actual igrexa parroquial de San Salvador de Setecoros, data do século XVI e posúe unha fachada neoclásica. Os seus principais atractivos residen nas columnas e capiteis do período suevo que se mantiveron dun posible templo do século VI e o seu singular retablo de época barroca.
Igrexa de Santa Comba de Cordeiro A igrexa parroquial de Santa Comba de Cordeiro é unha colexiata de estilo barroco, rematada no 1733, cun retablo e esculturas de gran valor artístico. Ten unha soa nave, sen cruceiro e un só campanario ao lado da fachada.
Capela de San Paio de Vilar Nesta pequena capela de finais do século XVIII, cada 25 de xaneiro celébrase a festa do seu patrón, cunha singular procesión onde as imaxes de San Roque e San Antonio se levan dende a igrexa parroquial ata a capela seguidas de varias mulleres de Vilar que, durante dous quilómetros, levan cestas sobre a cabeza cargadas de lacóns.
Capela da Devesa Próxima ao núcleo parroquial de Sª Cristina de Campaña, a capela dos Desamparados da Devesa posúe un fermoso cruceiro cunha imaxe da Virxe onde, segundo a lenda, ían a sentarse aqueles que, por enfermidade ou algún enfado familiar, eran excluídos do seu fogar.
Capela de San Mamede Situada nos Martores, construída nos séculos IV-V, é dunha nave única de planta rectangular. Neste lugar acháronse unha ara romana e sartegos medievais. Autores, como o teólogo José Guerra Campos, afirman que sería o lugar de enterramento de Prisciliano. As súas teorías baséanse principalmente no extraño topónimo, único en Europa, de “Os Martores”, vendo nel unha transformación popular de “Os Mártires”, nome co cal foran considerados os prisicilianistas executados en Tréveris (ano 385).
Capela da Virxe da Saúde Erguida sobre un antigo castro, foi construída en conmemoración da vitoria sobre as tropas francesas de Napoleón dirixidas polo marisca Ney na Batalla do Eirixo acontecida o 27 de abril do 1809. Igrexa vella de Santa Comba de Louro Nunha pequena valgada, preto do lugar de Balleas, sitúanse os restos arqueolóxicos dunha necrópole cuxas tumbas máis antigas son de orixe romana. Un cruceiro e os restos de orixe medieval son testemuñas do que foi a primitiva Igrexa e Mosteiro de Santa Comba de Louro.
Museo da Historia de Valga Ao carón do edificio do Concello, sitúase o Museo da Historia de Valga. Este edificio, unifica diversas áreas temáticas que dan a coñecer os aspectos máis relevantes da historia, a etnografía, a cultura e os personaxes ilustres de Valga. Petróglifo Pedra da Serpe Entre o Monte dos Penucos e o Monte dos Salgueiros, moi cerca das poboacións de Os Vilares e As Laceiras, atópase o petróglifo de Camporredondo. A singularidade deste petróglifo é que ademais dos frecuentes gravados de círculos concéntricos, pódese ver dúas liñas ondulantes case en paralelo. A similitude destas liñas coa figura de serpes fixo que fose coñecido con ese nome. Preto do petróglifo sitúase un mirador cunhas excepcionais vistas do val e das montañas.
Ponte do Souto No Souto sitúase unha singular ponte de pedra de orixe medieval que salva o río Valga e forma parte do Camiño Real de Santiago. Mercado dos Mouros O lugar denominado Mercado dos Mouros (Agro de Xaz) pola tradición oral, é un illote, con forma ovalada, sobreelevado na ribeira do río Ulla. As escavacións arqueolóxicas levadas a cabo descubriron numerosos restos cerámicos de distintas procedencias xeográficas, o cal, fai pensar nun porto fluvial de carácter comercial de época romana. A datación inicial fíxose entre os séculos I a.C. e o IV d.C mais os últimos achados poñen de manifesto que a ocupación pode ser incluso do século IV a.C. Mercado dos Mouros e Igrexa Vella están incluídos no Plan de posta en valor de Xacementos Galaico-Romanos. Belén Artesanal en Movemento
Considerado Ben de Interese Turístico, o Belén Artensal en Movemento de Valga é renovado anualmente coa finalidade de aunar tradición relixiosa, cultural e aspectos da actualidade social. As figuras son confeccionadas á man, así como o resto dos elementos decorativos, polas persoas da asociación "Amigos do Belén". Todo isto conforma un belén único que é visitado por miles de persoas de forma gratuíta.
Igrexas
Capelas
Histórico-Artístico
Fervenzas de Parafita Un itinerario a carón do río Valga permítenos gozar dunha fermosa paraxe de bosque de ribeira, muíños de diversas tipoloxías e sobre todo dúas sorprendentes fervenzas. Delas destaca a chamada Fervenza Grande, cun salto de auga que salva unha parede rochosa de seis metros de alto e unha poza de singular beleza. Fervenzas de Raxoi Continuando o percorrido río arriba, atopamos a Fervenza Pequena. Nunha paraxe natural máis recollida, esta fervenza crea un lugar perfecto para descansar rodeados/as dos sons da natureza ou para desenvolver a paixón pola fotografía. Praia Fluvial de Vilarello Na parroquia de Cordeiro, esta paraxe permite acercarnos ao mítico río Ulla. O contorno natural é de gran beleza e valor ecolóxico, enmarcándose dentro dunha zoa denominada LIC (Lugar de Interese Comunitario). Os usuarios/as contan cun areal, un pantalán, duchas, bar-cafetería e unha grande extensión de zonas verdes. Praia Fluvial de Valga Ao carón do Parque Irmáns Dios Mosquera, esta praia fluvial do río Valga, crea un espazo recreativo e de baño ideal para pasar as tardes de verán nun entorno agradable. Conta ademais cunha pequena zona arbórea e un lavadoiro tradicional na súa contorna. Lagoa da Mina Mercedes A actual lagoa Mina Mercedes foi unha explotación de arxila a ceo aberto. A súa extensión duns 30.000m2 fai que sexa a lagoa máis grande da provincia de Pontevedra, cunha profundidade de case vinte metros na zona central. Ao seu redor, acondicionouse un paseo duns 900 m., con zonas arboradas e diversas áreas de descanso e miradoiros. Mirador Monte de Beiro Situado cerca da estrada de Pontecesures-Vilagarcía, o Miradoiro do Monte Beiro é o verdadeiro “balcón de Valga”, ofrecendo ao visitante magníficas vistas panorámicas do val do Ulla. O miradoiro conta cun muíño de vento, construído a primeiros do século XIX e perfectamente restaurado. Parque Irmáns Dios Mosquera En Ponte Valga, á beira do río Valga, moi preto do Concello, sitúase o Parque Irmáns Dios Mosquera. Dispón dunha área recreativa con praia fluvial, parque infantil, paseo, pontes, merendeiros e aparcamento. Entre as pezas escultóricas, destaca a figura de Agustina Carolina Otero Iglesias, “A Bela Otero”.
Fervenzas
Praias Fluviais
Lagoas
Miradores
Parques