- Durante nove meses os participantes combinarán a formación teórica coa execución de obras de utilidade pública
- A Xunta de Galicia aporta 288.807 euros para este proxecto
Valga, 4 de novembro de 2018.
O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III, que promoven conxuntamente os concellos de Valga e Moraña, dará comezo a vindeira semana a un período de nove meses de formación teórica e práctica nas especialidades de albanelería e forestal.
Nas últimas xornadas pechouse o proceso selectivo tanto dos alumnos-traballadores como do persoal directivo, administrativo e docente. Serán vinte as persoas desempregadas de Valga e Moraña que participen no proxecto, dez por cada módulo. A lista de seleccionados pode consultarse AQUÍ.
No tocante ao persoal, a directora será Mª Carmen Vidal Paz e a titora, Ana Lorenzo Rivas. Ambas ocuparon estes mesmos postos no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II, que se desenvolveu entre outubro e 2017 e o pasado mes de xullo. Como docente experto en albanelería foi seleccionado Juan Carlos Sangiao Puente, o experto en forestal será Manuel Fernández Buceta e a administrativa, Mª Pilar Piñeiro Sousa, os dous últimos veciños de Valga.
O obradoiro de emprego Ulla-Umia III ten como obxectivo favorecer a empregabilidade nas localidades de Valga e Moraña. Durante nove meses a formación teórica compaxinarase coa práctica mediante a realización de obras de utilidade pública. Os traballos proxectados en Valga son o acondicionamento do Camiño Portugués, a continuación das obras no edificio de usos administrativos, o arranxo dos aseos e vestiarios do ximnasio municipal e o acondicionamento de zonas de lecer como a praia fluvial de Vilarello ou o miradoiro de Beiro.
A Xunta de Galicia aprobou unha aportación económica de 288.807 euros para este obradoiro.