Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Empregaron materiais reutilizables como botellas de plástico, cartón e cartolinas

- Coñeceron algúns dos vehículos e viaxes espaciais que marcaron a historia e o funcionamento da Estación Espacial Internacional

foguetes10

Valga, 31 de xullo de 2018.

A Casa da Cultura de Valga acolleu esta mañá un obradoiro de foguetes organizado polas bibliotecas municipais e no que participaron 25 rapaces da Escola de Verán de entre 5 e 14 anos de idade. Da man da compañía Ciencia en Ruta, integrada por Antonio García Viñesa e Juan Jesús Freire, tiveron a oportunidade de construír os seus propios proxectís e lanzalos.

A actividade tivo un marcado carácter didáctico, explicándolles aos asistentes algunhas das leis físicas que interveñen no funcionamento dun foguete, como a lei da gravitación universal de Isaac Newton ou as leis da inercia, da forza e da acción-reacción. Os rapaces coñeceron algúns dos vehículos e viaxes espaciais que marcaron a historia. Entre os primeiros, o Soyuz ruso, única nave para o transporte de persoas ao espacio que está en funcionamento na actualidade. No tocante ás viaxes, a chegada do home á lúa ou a historia da cadela Laika foron algúns dos contidos que máis chamaron a atención dos nenos.

Esta primeira parte do obradoiro incluíu explicacións sobre a Estación Espacial Internacional e o traballo que os astronautas e investigadores realizan nela e tamén sobre a Axencia Espacial Europea (ESA) e a súa familia de vehículos Ariane. O foguete Ariante 6 está actualmente en construción e o seu lanzamento está previsto para o 2020.

Tralos contidos teóricos, chegou o momento no que os rapaces, divididos en equipos, construíron os seus propios foguetes empregando materiais reutilizables como botellas de plástico, cartóns e cartolinas. Despois desprazáronse todos ata o Parque Irmáns Dios Mosquera para bolalos coa axuda dunha lanzadeira.

As actividades organizadas polas bibliotecas municipais para o verán continúan o xoves no Auditorio Municipal con "As historias viaxeiras. Kamishibai e teatro de papel", unha singular montaxe na que, a través da manipulación do kamishibai e adaptacións do teatro de papel, os nenos poderán coñecer contos e lendas de todos os continentes e achegarse a valores relacionados coa cooperación, a igualdade, a concienciación ambiental e a paixón pola lectura.

O obradoiro comezará ás 11 horas e a entrada é de balde para todos os rapaces que queiran asistir.

 foguetes2 foguetes1

foguetes3 foguetes4

foguetes5 foguetes6

foguetes7 foguetes8

                 foguetes11                    foguetes12

 

Volver