Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O xurado percorreu na fin de semana trintena de lugares que se inscribiron no certame

- Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado durante a XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, repartíndose premios por valor de 1.600 euros

Embelecer25 1

Valga, 25 de agosto de 2025.

O xurado percorreu esta fin de semana os lugares que concorreron ao concurso “Embelecer Valga”, que premia os parques, prazas e espazos máis fermosos engalanados e acondicionados polos veciños con materiais aportados polo Concello. Este certame é convocado anualmente co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, dotación de equipamentos ou ornamentación.

O certame distingue entre dúas categorías. A primeira, obras novas que supuxeron a creación dun novo espazo ou a rehabilitación dalgún ben ou zona que se atopaba abandonada e que precisaba dunha actuación maior para a súa conservación ou restauración. E, por outra, a categoría de mantemento para lugares que xa dispoñían de construcións feitas, tales como parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas, co obxectivo de garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de limpeza, xardinaría ou ornamentación.

As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:

Modalidade “Obra nova”:

  • Campaña: Creación de local social para actividades socioculturais
  • IES de Valga: creación de xardín e mellora paisaxística
  • Raxoi: recuperación de zona de xogos infantís
  • San Miguel: recuperación de fonte
  • Praza Vicente Cousiño: mellora da fonte e da contorna

Modalidade “Mantemento”:

  • A Medela: mantemento da fonte
  • Balleas: limpeza e conservación do lavadoiro e mantemento do parque
  • Barcia: melloras no parque
  • Barro: acondicionamento do parque
  • Beiro: actuacións no lavadoiro, parque a agro de arriba
  • Canle: mantemento do parque
  • Carballiño: acondicionamento do parque do Quinteiro
  • Cerneira: acondicionamento de zona de lecer
  • Cimadevila: mantemento do parque e da fonte
  • CODI: actuacións de mantemento na contorna e no centro
  • Colexio Baño-Xanza: melloras nos xardíns e patios
  • Eiras: mantemento do lavadoiro
  • Eirexe (Campaña): adecentamento da contorna da igrexa parroquial
  • Escola Infantil Municipal: melloras en zonas exteriores e interiores
  • Ferreirós: rehabilitación da contorna do talude da estrada PO-190
  • Ferreirós – Parque: traballos de mantemento
  • Gándara: mantemento do parque
  • Laceiras: actuacións no parque
  • Laxes: conservación do pozo da Lameira e axardinamento
  • Miradoiro da Perdiz: restauración de banco de madeira e mantemento da zona
  • Praza do Souto: traballos de acondicionamento
  • San Miguel: acondicionamento da contorna do cruceiro
  • Vilar – Parque: traballos de mantemento
  • Vilarello: actuacións nos lavadoiros, parque, marquesiña e casa veciñal

Membros das diferentes comisións participantes foron os encargados de valorar as obras de nova factura, mentres que na categoría de mantemento o xurado estivo formado por representantes do Concello. Nos dous casos valoráronse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.

O proxecto mellor valorado na categoría de “Mantemento” será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros. Na modalidade de “Obra nova” os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.

Os gañadores daranse a coñecer o día 30 de agosto durante a celebración da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

 

Embelecer25 2 Embelecer25 3

Embelecer25 4 Embelecer25 5

Volver