- O xurado percorreu na fin de semana trintena de lugares que se inscribiron no certame
- Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado durante a XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, repartíndose premios por valor de 1.600 euros
Valga, 25 de agosto de 2025.
O xurado percorreu esta fin de semana os lugares que concorreron ao concurso “Embelecer Valga”, que premia os parques, prazas e espazos máis fermosos engalanados e acondicionados polos veciños con materiais aportados polo Concello. Este certame é convocado anualmente co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, dotación de equipamentos ou ornamentación.
O certame distingue entre dúas categorías. A primeira, obras novas que supuxeron a creación dun novo espazo ou a rehabilitación dalgún ben ou zona que se atopaba abandonada e que precisaba dunha actuación maior para a súa conservación ou restauración. E, por outra, a categoría de mantemento para lugares que xa dispoñían de construcións feitas, tales como parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas, co obxectivo de garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de limpeza, xardinaría ou ornamentación.
As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:
Modalidade “Obra nova”:
- Campaña: Creación de local social para actividades socioculturais
 - IES de Valga: creación de xardín e mellora paisaxística
 - Raxoi: recuperación de zona de xogos infantís
 - San Miguel: recuperación de fonte
 - Praza Vicente Cousiño: mellora da fonte e da contorna
 
Modalidade “Mantemento”:
- A Medela: mantemento da fonte
 - Balleas: limpeza e conservación do lavadoiro e mantemento do parque
 - Barcia: melloras no parque
 - Barro: acondicionamento do parque
 - Beiro: actuacións no lavadoiro, parque a agro de arriba
 - Canle: mantemento do parque
 - Carballiño: acondicionamento do parque do Quinteiro
 - Cerneira: acondicionamento de zona de lecer
 - Cimadevila: mantemento do parque e da fonte
 - CODI: actuacións de mantemento na contorna e no centro
 - Colexio Baño-Xanza: melloras nos xardíns e patios
 - Eiras: mantemento do lavadoiro
 - Eirexe (Campaña): adecentamento da contorna da igrexa parroquial
 - Escola Infantil Municipal: melloras en zonas exteriores e interiores
 - Ferreirós: rehabilitación da contorna do talude da estrada PO-190
 - Ferreirós – Parque: traballos de mantemento
 - Gándara: mantemento do parque
 - Laceiras: actuacións no parque
 - Laxes: conservación do pozo da Lameira e axardinamento
 - Miradoiro da Perdiz: restauración de banco de madeira e mantemento da zona
 - Praza do Souto: traballos de acondicionamento
 - San Miguel: acondicionamento da contorna do cruceiro
 - Vilar – Parque: traballos de mantemento
 - Vilarello: actuacións nos lavadoiros, parque, marquesiña e casa veciñal
 
Membros das diferentes comisións participantes foron os encargados de valorar as obras de nova factura, mentres que na categoría de mantemento o xurado estivo formado por representantes do Concello. Nos dous casos valoráronse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.
O proxecto mellor valorado na categoría de “Mantemento” será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros. Na modalidade de “Obra nova” os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.
Os gañadores daranse a coñecer o día 30 de agosto durante a celebración da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
 
 

										
										
										






