- Moitos deles chegaron ao Punto Limpo entre o lixo e outros foron aportados desinteresadamente polos veciños
- Deste xeito preténdese reducir a xeración de residuos e avanzar cara a sostibilidade
Valga, 18 de setembro de 2024.
A iniciativa “Fai que Valga”, que a finais do mes de xuño puxo en marcha o Concello para fomentar a reutilización de obxectos usados, está a sen un éxito sen paliativos. Nos apenas dous meses e medio que leva en marcha o programa entregáronse máis de douscentos artigos a outras tantas persoas, evitando que moitos deles acabasen no lixo ao carecer de utilidade para os seus anteriores donos.
A variedade de obxectos aos que se deu unha segunda vida foi grande: xoguetes, roupa de bebé, carros, cunas, bicicletas tanto infantís como para adultos, patíns e patinetes, lámpadas, figuras decorativas, xarróns, diversos electrodomésticos, espellos, libros, utensilios de cociña, ferramentas, barricas de madeira, mobles... Algunhas destas cousas chegaron ao Punto Limpo entre o lixo, pero outras foron aportadas desinteresadamente por veciños que quixeron poñer o seu grao de area nesta iniciativa en prol da sostibilidade e da reciclaxe. O Concello agradécelles a todos a súa contribución, cunha mención especial a unha familia valguesa que aportou unha cama articulada que xa non precisaba e que foi entregada, a través do departamento de Servizos Sociais, a outra persoa dependente do municipio.
Os obxectos do programa “Fai que Valga” que están dispoñibles poden verse no perfil de Facebook do Punto Limpo de Valga ou tamén nas redes sociais do Concello (Facebook, Instagram e Whatsapp). As persoas que estean interesadas nalgún deles teñen que desprazarse a recollelo ao Punto Limpo no seu horario de apertura (luns pola mañá e xoves pola tarde), xa que non se realizan reservas.
Todos os artigos son gratuítos e os seus novos donos non teñen, necesariamente, que ser de Valga. De feito, nestas semanas de funcionamento achegáronse en busca dalgún obxecto persoas procedentes de Vila de Cruces, A Estrada, Cangas do Morrazo, Cuntis, Vilagarcía, Vilanova, Pontevedra, Campolameiro, Padrón, Teo, Brión ou Rianxo, entre outros.