- Os produtos repartiranse entre veciños e familias de Valga en situación de vulnerabilidade
- Os obradoiros e showcookings foron gratuítos, pero tiñan un carácter solidario
Valga, 3 de setembro de 2024.
As actividades organizadas polo Concello de Valga na cuarta edición do “Agosto Gastronómico” conseguiron reunir 222 quilos de alimentos para axudar ás familias en situación de vulnerabilidade do municipio.
A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o Concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, fixeron hoxe reconto de todos os produtos recadados grazas á solidariedade de todos os participantes nos obradoiros, showcookings e outras actividades gastronómicas que se desenvolveron durante o mes de agosto. Todas eran gratuítas pero tiñan un carácter benéfico, aportando produtos –preferiblemente non perecedoiros– para axudar a persoas ou familias que pasan por dificultades económicas.
Entre os alimentos doados hai 59 quilos de pasta, 52 de arroz, 25 de leite, 18 de legumes, 18 de fariña e outros 18 de conservas, 16 de aceite e vinagre, 10 de galletas, 4 de azucre e 2 de zumes, entre outros. Todos serán clasificados e almacenados polo departamento municipal de Servizos Sociais para o seu reparto entre as familias sen recursos, en situación ou risco de exclusión.