- Case corenta estudantes remataron os seus estudos de agroxardinaría e composicións florais, fabricación e montaxe, soldadura e caldeiraría e construcións metálicas
- O alcalde e a concelleira de Educación asistiron ao acto de entrega dos diplomas
Valga, 20 de xuño de 2024.
O IES de Valga celebrou onte no Auditorio a graduación dos estudantes que, neste curso, remataron os ciclos formativos de Agroxardinaría e composicións florais, Fabricación e montaxe, Soldadura e caldeiraría –nas súas modalidades ordinaria e dual– e Construcións metálicas. En total, 37 alumnos recibiron os seus diplomas nun acto ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez.
“A perseveranza que demostráchedes durante estes anos de estudo dá agora os seus resultados”, dixo o rexedor aos mozos que acaban de graduarse. “Unha parte está feita, pero quédavos outra importantísima: poñer en valor todo o logrado accedendo ao mercado laboral ou continuando coa vosa formación”, engadiu Bello Maneiro.
Tamén interviu o director do IES, Eliseu Mera, que afirmou que “a promoción que saíu deste curso é o mellor estandarte que podemos levar, e así nolo transmitiron as empresas” nas que algúns dos estudantes realizaron prácticas. Tamén destacou o aumento da oferta formativa que se producirá a partir de setembro, cando comezarán a impartirse tres novos ciclos de Mantemento electromecánico, Xardinaría e floraría e Mecatrónica industrial, “cos que ofreceremos novas vías de inserción laboral” aos mozos de Valga e da contorna.
Outro aspecto sobre o que fixo fincapé o director foi no aumento da presenza feminina. “Este ano houbo máis mulleres matriculadas nos ciclos que en toda a historia do IES”, que en setembro cumprirá 25 anos. “Seguiremos dando pasos” en materia de igualdade nas aulas, e anunciou que o vindeiro curso o centro contará con vestiarios específicos para alumnas e profesoras.
O pianista Alonso Pinilla puxo a nota musical ao acto, coa interpretación de varios temas.