- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo comprobaron o desenvolvemento dos traballos
- En paralelo continúan coa actuación no parque da Mina Mercedes, onde se está a mellorar o pavimento
Valga, 15 de xaneiro de 2024.
O módulo de albanelería do Obradoiro de Emprego Xuvenil, que dende o pasado mes de outubro están a desenvolver conxuntamente os concellos de Valga e Moraña, está a realizar obras de acondicionamento dos locais situados baixo as bancadas do campo de fútbol municipal de Baño.
A tenente de alcalde, Carmen Gómez, o concelleiro Pedro Calvo e a directora do Obradoiro, Mari Carmen Vidal, participaron nunha visita á obra para comprobar o seu avance. Os alumnos, mozos menores de 30 anos, desmontaron a madeira que cubría as paredes, o teito e o piso, no que realizaron un recrecido para deixalo a nivel e poder colocar, despois, a plaqueta.
Nestes momentos están a poñer ladrillo nas paredes que, posteriormente, recebarán con morteiro, lucirán con xeso e pintarán. A actuación neste local tamén inclúe a colocación de falso teito.
Noutra das estancias adxacentes, os aprendices acondicionarán un baño.
En paralelo a esta obra, o módulo de albanelería tamén está traballando no parque infantil da Mina Mercedes para mellorar o pavimento.
Un total de dezaseis os mozos de Valga e Moraña que participan neste Obradoiro de Emprego, O Obradoiro "Xóvenes II" (que está cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027) recibindo formación teórica e práctica tanto na especialidade de albanelería coma de forestais.