Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Como establece a normativa, aprobáronse as actas das sesións celebradas nas últimas semanas

- O sábado ás 13:30 horas constitúese a nova Corporación coa toma de posesión dos concelleiros e o nomeamento do alcalde

PlenoXuño23

Valga, 15 de xuño de 2023.

A lexislatura 2019-2023 pechouse onte coas reunións dos diferentes órganos do Concello, tal e como establece a normativa, antes da investidura do vindeiro sábado. Foron xuntas breves e de trámite para deixar aprobadas as actas das sesións anteriores e que, ademais, serviron de despedida dos concelleiros que deixan de formar parte da Corporación: José Lagos Aboy (PP), Javier Carballo García e Marcos Magán Iglesias (PSOE) e Manuel Castiñeiras García (Mareas), aínda que este último non asistiu á convocatoria.

Reuniuse primeiro o Pleno e, a continuación, fixeron o propio a Xunta de Goberno Local e a Comisión de Coordinación.

O vindeiro sábado, ás 13:30 horas, celebrarase o Pleno de constitución da nova Corporación 2023-2027. Ao comezo da sesión constituirase unha mesa de idade integrada polos concelleiros electos de maior e menor idade, ademais do secretario municipal. A súa función incluirá a comprobación das credenciais dos concelleiros electos, requisito previo á toma de posesión do cargo. Esta mesa presidirá tamén a elección e proclamación do novo alcalde.

A orde do día do Pleno é a seguinte:

1. Designación da Mesa de Idade

2. Comprobacións previas á constitución do Concello

3. Toma de posesión dos concelleiros electos

4. Elección do alcalde

       - Proclamación de candidatos á Alcaldía

       - Elección do sistema de votación

       - Votación

       - Toma de posesión

XuntaGobernoXuño23 ComisiónCoordinaciónXuño23

Volver