- As obras de construción da estrutura acaban de contratarse por un importe de 48.261 euros
- O goberno local está a apostar pola mobilidade sustentable creando circuítos seguros para os desprazamentos a pé ou en bicicleta
Valga, 28 de abril de 2023.
A senda peonil que está en execución entre a zona do Carballiño (Xanza) e Pontevalga incluirá unha pasarela sobre o río Valga, unha obra que o Concello acaba de adxudicar e na que se investirán 48.261’19 euros do Plan Concellos.
Esta pasarela construirase en madeira e permitirá salvar a canle fluvial, cun ancho de dous metros e sen afectar á capacidade hidráulica actual do río. A actuación xa conta con autorización de Augas de Galicia.
O proxecto, ademais, inclúe un pequeno tramo de senda peonil e ciclable para dar continuidade ao circuíto que se está a acondicionar dende O Carballiño ata a rúa Doutor de Oya Salgueiro, nas inmediacións da Casa Consistorial. As características serán idénticas ás da senda que xa está en obras, con pavimento de xabre e dous metros de ancho.
O resultado será un sendeiro de case un quilómetro de lonxitude que ofrecerá unha opción segura para os desprazamentos a pé ou en bicicleta entre o Carballiño e o núcleo de Valga, aproveitando as alternativas que ofrece o propio territorio e fomentando a mobilidade amable e sustentable, para evitar no posible o uso de vehículos a motor.