- Senllos contratos, valorados en 266.700 e 153.000 euros anuais, poderían prorrogarse ata un máximo de catro exercicios
- Os expedientes de contratación foron aprobados por unanimidade polo Pleno
Valga, 1 de marzo de 2023.
O Concello de Valga saca a licitación a xestión da Escola Infantil Municipal e da Escola Municipal de Música, despois de que o Pleno, reunido onte en sesión ordinaria, aprobase por unanimidade senllos expedientes de contratación, así coma os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas polos que se rexerán.
Ambos servizos contrataranse por un período inicial de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas de unha anualidade cada una, ata un máximo de catro exercicios. O valor do contrato está fixado, no caso da Escola Infantil Municipal, en 266.699,90 euros anuais, mentres que o da Escola de Música ascende a 153.000 euros por cada ano.
Ademais, na sesión plenaria, tamén se aprobou por unanimidade solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a cesión en favor do Concello da titularidade dun tramo en desuso da estrada N-550, entre os quilómetros 94 e 95.
Por último, deuse conta ao Pleno do plan anual de control financeiro, do período medio de pago a provedores, do informe sobre o cumprimento dos prazos de pagamento e do informe sobre execución do orzamento correspondentes ao último trimestre de 2022.