Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna serán os representantes valgueses na feira, que se celebra a vindeira semana en Madrid

- O Xeodestino, do que forma parte Valga, prepara novas accións turísticas e culturais para reforzar o posicionamento da marca nacional e internacionalmente

MarSantiago

Valga, 14 de xaneiro de 2023.

Mar de Santiago presentará a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur) as liñas estratéxicas coas que traballará durante este ano para continuar posicionando, tanto nacional coma internacionalmente, o Xeodestino Turístico do que forman parte os concellos de Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures.

O venres, día 20, no stand de Galicia en Fitur terá lugar o acto de presentación, que se centrará en promocionar os recursos culturais, históricos, paisaxísticos e gastronómicos dos territorios que forman parte da marca, e sempre tendo como eixo principal a “Traslatio”, a ruta marítimo-fluvial pola que chegaron, no século I, os restos do Apóstolo Santiago dende Jaffa, dando orixe ao fito Xacobeo e ao fenómeno das peregrinacións.

Valga estará representada na feira polo alcalde, José María Bello Maneiro, a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna, que formarán parte da delegación de Mar de Santiago. Esta participará en varias xuntanzas de traballo con turoperadores e representantes de empresas e entidades vencelladas ao sector, co obxectivo de seguir reforzando o posicionamento da marca no mercado turístico. Dende a súa constitución, en 2021, Mar de Santiago ten conseguido crear e consolidar un produto turístico sólido e diferenciado ofrecendo aos peregrinos a posibilidade de continuar a experiencia Xacobea navegando á orixe das peregrinacións e vivindo a experiencia única da Traslatio.

Dende a posta en marcha deste proxecto, a estación marítima de Mar de Santiago ten rexistrado preto de 13.000 visitas, a marca tense presentado a máis de 100 turoperadores e creáronse e comercializáronse máis de vinte paquetes turísticos. O traballo realizado cristalizou o pasado ano coa posta en marcha da excursión Mar de Santiago, con saída todos os xoves do verán.

De cara á vindeira campaña, xa se traballa en novas accións turísticas e culturais que presentarán en Fitur co obxectivo de seguir atraendo visitantes aos concellos de Mar de Santiago.

Volver