Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A secretaria do Centro Rural Agrupado interviu como relatora no Encontro de Educación Infantil e Primaria

- Explicou ante 500 mestres como a transformación das aulas permitiu desenvolver métodos de aprendizaxe vivos e activos

RelatorioCRA1

Valga, 24 de novembro de 2022.

As escolas rurais do CRA de Valga e o seu método educativo seguen a suscitar o interese da comunidade educativa galega e así se puxo de manifesto nos Encontros de Educación Infantil e Primaria celebrados a pasada fin de semana na Cidade da Cultura, que contaron coa asistencia de 500 mestres.

Nestes encontros, que foron inaugurados polo Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, exerceu como relatora Antía Piñeiro, secretaria do CRA de Valga e titora da escola de Vilarello. O seu relatorio, “Transformando aulas”, versou sobre a importancia dos espazos para a implementación de metodoloxías vivas e activas na aula.

As escolas rurais de Valga e, particularmente, a de Vilarello son un exemplo de boas prácticas en canto a metodoloxías baseadas en proxectos, ambientes de aprendizaxe, atención á diversidade, ensino personalizado e individualizado e a apertura á contorna e a espazos naturais.

Cando Antía Piñeiro asumiu a titoría de Vilarello hai 6 anos, a escola estaba en risco de peche por falta de alumnado e pasou de 6 nenos matriculados a 16, coa particularidade de que proceden de dez concellos diferentes “porque os pais e nais atopan na metodoloxía de Valga a mellor opción educativa para os seus cativos e cativas”, destaca a mestra. Situación semellante dase no resto de escolas do CRA, que suman en total neste curso 86 alumnos dos que 33 son novas incorporacións, destacando un ano máis coma o CRA de Galicia con maior número de matriculacións.

Ademais, na súa intervención Antía Piñeiro destacou coma un dos puntos clave da boa saúde da que gozan as nosas escolas a colaboración constante e estreita entre o Concello e o CRA, impulsando accións e melloras que permitiron e favoreceron o cambio metodoloxía que está sendo tomado como exemplo pola comunidade educativa de Galicia.

RelatorioCRA2

Volver