Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A cuarta excursión polo territorio do xeodestino contou con vinte participantes nacionais e internacionais

- Os visitantes coñeron o patrimonio valgués no Museo e quedaron fascinados coa historia da Bella Otero

Excursion1

Valga, 11 de agosto de 2022.

A excursión Mar de Santiago, que todos os xoves do verán percorre o territorio deste xeodestino do que forman parte Valga, Pontecesures, Catoira e Vilanova, recalou de novo esta mañá no noso concello cun grupo integrado por unha vintena de persoas. Entre elas, turistas nacionais (de Valencia ou Madrid), extranxeiros (Australia) e tres instagrammers galegos que coñeceron de primeira man o percorrido polas catro vilas do Ullán e O Salnés para despois divulgar a súa experiencia a unha comunidade virtual composta por máis de 100.000 persoas.

Zoe Galicia (@conzdezoe), Estefanía Pena (@engaliciamorate) e o blogueiro de viaxes Alberto Ribas (@alvientooo) transmitirán a través das redes sociais as súas vivencias seguindo os pasos do Apóstolo a través da ruta que deu orixe ao fenómeno das peregrinacións a Compostela. O percorrido comezou en Compostela, dende onde se trasladaron en autobús ao territorio Mar de Santiago. A súa primeira parada foi no Museo da Historia, onde coñeceron o patrimonio natural e cultural de Valga, que ten coma un dos principais expoñentes á figura da Bella Otero e a súa fascinante vida como artista da Belle Époque.

Unha adega en Vilanova, a zona portuaria de Pontecesures e o miradoiro de Pedras Miúdas en Catoira foron outros dos enclaves polos que discorreu a excursión, na que non faltou o percorrido marítimo-fluvial entre Pontecesures e Vilanova, a coñecida como Traslatio, que emula o itinerario realizado no século I polos restos do Apóstolo.

Os excursionistas quedaron abraiados polas impresionantes paisaxes que ofrece o esteiro do río Ulla e a súa desembocadura na Ría de Arousa, descubriron o único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo e fixeron, ademais, unha breve parada fronte a Vilarello, a única praia fluvial de Mar de Santiago.

Excursion2 Excursion3

Excursion4

Volver