- Á entrega da distinción, que tivo lugar o sábado, asistiron o presidente do colectivo e o concelleiro delegado José Lagos
- Protección Civil de Valga, con base en Baño, presta servizo as 24 horas do día
Valga, 10 de maio de 2022.
A agrupación de Protección Civil de Valga vén de recibir unha condecoración polos 25 anos de servizo público. O colectivo foi creado no ano 1995, polo que o vixésimo quinto aniversario cumpriuse en 2020. Sen embargo, a pandemia impediu que o acto de recoñecemento se celebrase ata o de agora.
Foi o pasado sábado cando a Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios Protección Civil celebrou na Estrada, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, o acto de entrega das distincións a diferentes agrupacións e voluntarios polos servizos prestados e méritos contraídos nos últimos tempos.
En representación da Agrupación de Valga asistiu o seu presidente, José Manuel Otero, ao que acompañou o concelleiro responsable da área de Seguridade e Protección Civil.
Protección Civil de Valga conta na actualidade cunha decena de membros. A sede da agrupación atópase en Baño e presta servizo as 24 horas do día en todo tipo de emerxencias e colaborando, ademais, co Concello en actividades municipais.