- Pódese participar realizando o traxecto Tui-Santiago ou só dende Casaldeirigo a Compostela
- Tamén se ofrece a posibilidade de asistir unicamente a misa que terá lugar na Catedral
Valga, 5 de marzo de 2022.
Como xa aconteceu nos últimos Xacobeos, neste Ano Santo 2021-2022 o Concello organiza unha peregrinación a Santiago aberta á participación de todos os veciños de Valga. A actividade desenvolverase durante os meses de abril e maio e, na primeira fin de semana de xuño, celebrarase unha misa na Catedral.
A peregrinación realizarase seguindo unha das rutas xacobeas que discorre por Valga, o Camiño Portugués. As etapas serán as seguintes:
- Sábado 9 de abril, Tui - Porriño: 18 quilómetros
- Sábado 16 de abril, Porriño - Redondela: 15 quilómetros
- Sábado 23 de abril, Redondela - Pontevedra: 18 quilómetros
- Sábado 30 de abril, Pontevedra - Briallos: 18 quilómetros
- Sábado 7 de maio, Briallos – Casaldeirigo (límite de Valga): 15 quilómetros
- Sábado 14 de maio, Casaldeirigo - Hotel Scala (Padrón): 12 quilómetros
- Martes 17 de maio, Hotel Scala - Milladoiro: 15 quilómetros
- Sábado 21 de maio, Milladoiro - Praza do Obradoiro: 9 quilómetros
- Sábado 4 de xuño, Misa na Catedral con aforo limitado debido á pandemia e tendo preferencia de acceso as persoas que realizaron o Camiño.
Ofrécense tres posibilidades: completar o percorrido de máis de 100 quilómetros entre Tui e Santiago, o que daría dereito a recibir a Compostela; facer o traxecto entre Casaldeirigo e Compostela; ou asistir só á Misa do Peregrino.
As camiñadas realizaranse pola mañá. A Mina Mercedes será o punto de encontro. Alí os participantes poderán estacionar os seus vehículos e subir ao autobús que os trasladará ata o lugar de inicio de cada etapa, nas que irán acompañados en todo momento por un vehículo de apoio. Ao remate, o mesmo autobús traerá de regreso aos peregrinos ata Valga.
Para participar é preciso estar empadroado en Valga e cubrir a folla de inscrición cos seguintes datos: nome e apelidos, domicilio, DNI e teléfono de contacto. En caso de menores de idade, a ficha tamén deberá incluír os datos do adulto responsable que o acompañará na peregrinación.
Esta folla entregarase debidamente cuberta e asinada no Concello ou enviarase ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., estando aberto o prazo ata o día 31 de marzo.