- As bandeiras dos edificios municipais ondean a media hasta en sinal de dó pola traxedia
- A Xunta de Galicia decretou esta mañá tres días de loito oficial en toda a comunidade
Valga, 16 de febreiro de 2022.
O Concello de Valga súmase ao loito decretado pola Xunta de Galicia en memoria dos mariñeiros falecidos no afundimento do barco pesqueiro “Villa de Pitanxo”, en augas de Terranova (Canadá).
Esta mañá, o persoal do Concello e membros do goberno municipal, encabezados polo alcalde, José María Bello Maneiro, gardaron un minuto de silencio como mostra de consternación pola traxedia, en memoria das persoas falecidas e para trasladar o apoio ás familias e achegados dos mariñeiros que aínda permanecen desaparecidos.
Ademais, as bandeiras da Casa Consistorial ondean a media hasta en sinal de dó.
A Xunta decretou hoxe tres días de loito en toda a comunidade por este tráxico suceso que deixa, polo de agora, nove persoas falecidas e doce desaparecidos, o que o converte nunha das peores traxedias marítimas dos últimos tempos en Galicia.