- Contará cunha cama elástica, un montículo de escalada ou unha tirolina, entre outros elementos
- O proxecto, cun orzamento de 102.335 euros, tamén inclúe a colocación de mobiliario e alumeado
Valga, 14 de febreiro de 2022.
A área recreativa da Mina Mercedes incorporará proximamente un novo servizo orientado á poboación infantil, unha área de xogos que se habilitará neste entorno para complementar as prestacións que actualmente ofrece esta zona de lecer.
O parque terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados que se dotará de pavimento continuo absorbedor de impactos de 40 milímetros e que se pechará cun valado perimetral de láminas de madeira. Colocaranse unha serie de xogos, entre eles:
- Superficie saltadora/cama elástica, fabricada en caucho e polietileno de alta densidade, altamente resistente e con superficie antideslizante.
- Columpio-cesta fabricado a base de paneis de polietileno de alta densidade, postes de madeira de pino e cordas de rede recuberta de polipropileno.
- Montículo de escalada formado por presa de escalada fabricada en poliéster, corda trenzada e recuberta de polipropileno e tobogán de aceiro inoxidable instalado sobre unha zona de terraplén.
- Balancín con resorte de espiral e figura de madeira laminada.
- Balancín dobre con resorte de espiral e figura de madeira laminada.
- Tirolina de vinte metros de percorrido sobre unha zona de area.
O proxecto completarase coa humanización da zona mediante a colocación de mobiliario urbano e alumeado, así coma un cartel informativo cos usos do parque, normas e teléfonos de asistencia sanitaria.
A actuación acaba de ser licitada cun orzamento de 102.335’94 euros, que se financiará a través do programa provincial Plan Concellos 2021. As empresas teñen de prazo ata o día 9 de marzo para presentar as súas ofertas.
Con iniciativas coma esta o goberno local dá continuidade á política de creación de espazos públicos abertos onde as familias poidan pasar o seu tempo de lecer e favorecer o contacto dos máis pequenos cos espazos naturais existentes no municipio.