Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Contará cunha cama elástica, un montículo de escalada ou unha tirolina, entre outros elementos

- O proxecto, cun orzamento de 102.335 euros, tamén inclúe a colocación de mobiliario e alumeado

EntornoMinaMercedes

Valga, 14 de febreiro de 2022.

A área recreativa da Mina Mercedes incorporará proximamente un novo servizo orientado á poboación infantil, unha área de xogos que se habilitará neste entorno para complementar as prestacións que actualmente ofrece esta zona de lecer.

O parque terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados que se dotará de pavimento continuo absorbedor de impactos de 40 milímetros e que se pechará cun valado perimetral de láminas de madeira. Colocaranse unha serie de xogos, entre eles:

  • Superficie saltadora/cama elástica, fabricada en caucho e polietileno de alta densidade, altamente resistente e con superficie antideslizante.
  • Columpio-cesta fabricado a base de paneis de polietileno de alta densidade, postes de madeira de pino e cordas de rede recuberta de polipropileno.
  • Montículo de escalada formado por presa de escalada fabricada en poliéster, corda trenzada e recuberta de polipropileno e tobogán de aceiro inoxidable instalado sobre unha zona de terraplén.
  • Balancín con resorte de espiral e figura de madeira laminada.
  • Balancín dobre con resorte de espiral e figura de madeira laminada.
  • Tirolina de vinte metros de percorrido sobre unha zona de area.

O proxecto completarase coa humanización da zona mediante a colocación de mobiliario urbano e alumeado, así coma un cartel informativo cos usos do parque, normas e teléfonos de asistencia sanitaria.

A actuación acaba de ser licitada cun orzamento de 102.335’94 euros, que se financiará a través do programa provincial Plan Concellos 2021. As empresas teñen de prazo ata o día 9 de marzo para presentar as súas ofertas.

Con iniciativas coma esta o goberno local dá continuidade á política de creación de espazos públicos abertos onde as familias poidan pasar o seu tempo de lecer e favorecer o contacto dos máis pequenos cos espazos naturais existentes no municipio.

Volver