- O Concello aporta os materiais precisos para executar as obras e outorgará gratificacións de 300, 200 e 100 euros
- Os proxectos de acondicionamento son promovidos por veciños das diferentes aldeas e tamén por centros educativos
Valga, 4 de agosto de 2021.
Vinte colectivos e comisións veciñais presentaron no Concello os seus proxectos de mellora e acondicionamiento de espazos e infraestruturas públicas cos que concorren ao concurso “Embelecer Valga”. Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía, co obxectivo de implicar á veciñanza no coidado e arranxo do entorno, acometendo accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes.
Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar no Concello unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do lugar no que se levan a cabo as actuacións. O Concello, pola súa parte, pon a disposición dos participantes os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras, que deben estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto.
As comisións que concorren ao concurso e os seus respectivos proxectos son:
- Barcia: acondicionamento do parque
- Beiro: mantemento e limpeza da zona do parque e acondicionamento do lavadoiro
- Campaña: melloras no campo da festa
- Campaña: embelecemento do cemiterio parroquial
- Canle: Reposición de xardíns e outras melloras no parque
- Casaldeirigo: limpeza e mantemento no entorno da capela da Saúde e do parque infantil
- CEP Xesús Ferro Couselo: acondicionamento dos espazos exteriores do centro
- CEIP Baño-Xanza: melloras nas zonas exteriores e de xogos
- Cimadevila: embelecemento do entorno do lavadoiro
- CRA de Valga: acondicionamento de patios escolares
- Eiras: arranxo de fonte e lavadoiro
- Escola Infantil Municipal: arranxos no exterior do centro
- Ferreirós: mellora do parque infantil
- Gándara: reparacións no parque
- IES de Valga: embelecemento dos espazos exteriores do instituto
- Instalacións deportivas: acondicionamento e mellora das zonas deportivas de Baño e Campaña
- Raxoi: Limpeza e mellora de fonte e lavadoiro
- Setecoros. embelecemento da zona exterior do cemiterio parroquial
- Vilar: acondicionamento do parque e do lavadoiro
- Vilarello: mellora do parque, casa veciñal e lavadoiro
O xurado encargado de valorar cada unha das actuacións estará integrado por representantes de cada comisión veciñal participante. O proxecto mellor valorado será premiado cun agasallo, diploma e 300 euros e o segundo e terceiros clasificados recibirán os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderán a 200 e 100 euros respectivamente. As demais comisións presentadas recibirán unha gratificación de 100 euros.
Ademais, entregarase un premio especial de 150 euros á comisión que realice un mellor mantemento do lugar durante todo o ano.