- Dezasete barcos, entre dornas, gamelas e galeóns, reuníronse nesta actividade organizada pola Fundación Rosalía
- A concelleira de Turismo, Malena Isorna, presenciou a saída dende a praia fluvial
Valga, 24 de xullo de 2021.
¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»
Estes versos de Rosalía de Castro dan nome á actividade “Inchadiña branca vela”, que se celebrou esta tarde en homenaxe á poetisa de Padrón. Dezasete embarcacións tradicionais tomaron a saída dende a praia fluvial de Vilarello e subiron os ríos Ulla e Sar.
Dornas de distintos tipos, gamelas, galeóns, un bote, un carocho, unha buceta e un volanteiro chegados das rías de Arousa, Pontevedra, Vigo e Ribadeo e tamén da Guarda participaron na iniciativa organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a asociación cultural Dorna, coa colaboración do Concello de Valga.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, achegouse ata Vilarello para dar a benvida a Valga ás xentes do mar e presenciar o inicio da sigradura, que se prolongou durante unhas dúas horas e tivo como punto de chegada o Paseo do Espolón, en Padrón, onde continuaron as homenaxes a Rosalía.
Membros da agrupación de Protección Civil de Valga acompañaron cunha embarcación aos participantes na ruta fluvial, para garantir a seguridade da mesma.
Esta actividade celebrouse por vez primeira no ano 2013, para conmemorar o 150 aniversario da publicación do libro “Cantares gallegos”.