- Os membros do tribunal reuniranse nos próximos días para decidir aos gañadores das dúas modalidades
- Este vernes preséntase a obra gañadora da XX edición do certame
Valga, 21 de xullo de 2021.
A Comisión Informativa de Cultura, Deporte, Xuventude e Turismo acordou este mediodía designar ao xurado da XXII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.
A Comisión aprobou a proposta da Alcaldía de nomear como integrantes do tribunal a Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos, Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago, Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, e Pablo Sánchez Ferro, membro do Corpo Facultativo de Arquivos e neto de Xesús Ferro Couselo. Actuará como secretaria Vanessa Losada García.
Os tres primeiros membros forman parte do xurado do Premio dende a súa creación en 1996, ano no que se dedicou o Día das Letras Galegas a Ferro Couselo. Posteriormente incorporouse o neto do historiador e investigador valgués e, o ano pasado, sumouse Vanessa Losada como secretaria.
O tribunal ten previsto reunirse, de forma telemática, nos vindeiros días para decidir aos gañadores desta edición, que se darán a coñecer o 30 de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento de Ferro Couselo.
Ademais, este venres pola tarde presentarase no Auditorio do Museo da Historia o libro “Labrando nutrientes. Intensificación agraria e manexo a fertilidade do solo nunha agricultura atlántica: Galicia, séculos XVIII e XIX”, de Beatriz Corbacho Fernández, gañadora da primeira modalidade do Premio na súa XX edición.