- Só se autorizarán cacharelas en fincas e terreos privados, quedando restrinxida a súa realización en espazos públicos
- Os responsables deben cumprir as normas sanitarias en vigor e respectar unha serie de medidas medioambientais
Valga, 2 de xuño de 2020.
O Concello de Valga ten aberto o prazo de solicitude de permisos para prender as tradicionais fogueiras na noite de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño. Como xa sucedera o pasado ano, debido á pandemia e ás normas sanitarias aínda vixentes en Galicia, só se autorizarán cacharelas en fincas e terreos privados, quedando restrinxida a súa realización en espazos públicos.
As persoas interesadas teñen que cubrir unha folla de solicitude indicando o lugar no que se acenderá o lume, que quedará baixo a súa responsabilidade, e comprometéndose a adoptar as medidas de seguridade precisas e a cumprir as normas das autoridades sanitarias que estean en vigor no día da celebración. Esta folla de solicitude ten que entregarse, xunto a unha copia do DNI, nas oficinas municipais. Tamén pode enviarse por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. .
O prazo para tramitar as autorizacións permanecerá aberto ata o luns 21 de xuño.
O listado completo de solicitudes será posto en coñecemento do xefe provincial do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, así como dos servizos de emerxencias, que durante a noite de San Xoán, farán un seguimento das fogueiras para garantir que non se produzan incidentes.
As normas de seguridade que deben cumprir as persoas que vaian a celebrar o San Xoán co acendido de cacharelas son as seguintes:
- Non facer moreas dunha altura excesivamente elevada para evitar problemas de seguridade
- Non facer a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prender a fogueira
- Evitar usar materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilizar na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- No caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é gratuíta)
- CUMPRIR AS NORMAS DAS AUTORIDADES SANITARIAS PARA PROTEXER A SAÚDE DE TODOS
En función da evolución da pandemia, o Concello resérvase a potestade de anular as autorizacións concedidas para protexer a saúde pública.
Folla de solicitude para o acendido de fogueiras de San Xoán