- A peza, de gran valor patrimonial, pertence ao coñecido como “estilo Setecoros” e é semellante a outra que se conserva no Museo da Catedral
- O Concello agradece á familia Freire Lorenzo a doazón desinteresada, moi importante para seguir recuperando e divulgando a historia de Valga
Valga, 11 de marzo de 2021.
A familia Freire Lorenzo, de Ferreirós (Cordeiro), vén de ceder definitiva e gratuitamente ao Concello un capitel de época romana achado na horta da súa casa. O alcalde, José María Bello Maneiro, e Loli Freire Lorenzo asinaron esta mañá o documento de cesión que permite incorporar esta peza aos fondos do Museo da Historia, no que se exporá despois de ser sometida a un proceso de limpeza e restauración.
A familia sempre recorda esta pedra na súa horta, sen que lle deran maior importancia. Recentemente, con motivo duns traballos a realizar na parcela, movérona de lugar e foi entón cando lles advertiron sobre o valor patrimonial que podía ter. Tras poñerse en contacto co Concello, técnicos municipais desprazáronse a Ferreirós a ver a peza, apreciando dende un primeiro momento que podía tratarse dun capitel do coñecido como “estilo Setecoros” e moi similar e do mesmo período que outro que se conserva no Museo da Catedral de Santiago, datado entre os séculos III e IV (época tardorromana).
Ademais, á espera da súa limpeza, tamén parece ser do mesmo material: mármore de O Incio, pedra específica deste estilo arquitectónico da que tamén están feitos os dous fustes de columna e os dous capiteis que se conservan na Igrexa de San Salvador de Setecoros.
Logo deste primeiro análise dos técnicos municipais, o achado foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Técnicos deste organismo desprazáronse a Valga para analizar o capitel, chegando ás mesmas conclusións. Actualmente estase á espera do informe definitivo de Patrimonio.
Coa sinatura da cesión, o capitel atópase xa no Museo. Tecnicamente pertencería aos comezos do “estilo Setecoros”. Pode apreciarse perfectamente a decoración vexetal que forma varios aneis que sobresaen en diferentes niveis. Posteriormente, o estilo evolucionou cara un traballo máis minucioso, incorporando, por exemplo, zonas encordadas.
Tamén é destacable o feito de que semella que nalgún momento se lle deu algún uso a esta peza, posto que presenta un furado e unha rotura na súa parte superior.
Ata o de agora só se tiña coñecemento da conservación de oito destes capiteis: catro no Museo de Pontevedra, dous no Museo da Catedral e outros dous na propia igrexa de Setecoros. Deles tan só un dos da Catedral presenta a mesma factura que o achado en Ferreirós.
O Concello quere transmitir á familia Freire Lorenzo o seu agradecemento pola súa cesión desinteresada deste elemento patrimonial “de moita importancia para seguir recuperando e divulgando a historia de Valga”, destacou o alcalde.
No mesmo sentido, o técnico municipal responsable do Museo da Historia, Santiago Chenlo, refírese ao “gran valor que ten para a difusión da cultura local e, especialmente, na súa vertente educativa e pensando nas novas xeracións, posto que as visitas de centros educativos son habituais no Museo”.
Ademais, recalca outro aspecto moi importante que se desprende deste achado: “É unha comprobación de que nas casas dos nosos veciños aínda se conservan elementos de gran interese. A xente debe valorar o patrimonio que poida ter no seu entorno e concienciarse sobre a importancia de non deterioralo. E, en caso de que sospeiten que algunha peza pode ter relevancia patrimonial, comunicalo”.