Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Estará emprazada no aparcadoiro do Centro de Saúde entre as 9 e as 14 horas

- Contará con especialistas en psicoloxía e técnicos en criminoloxía e igualdade

CaravanaMorada1

Valga, 13 de outubro de 2020.

A Caravana Morada, unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla Umia, estará en Valga o próximo 27 de outubro para sensibilizar en materia de igualdade e contribuír á loita contra as violencias machistas.

Trátase dun servizo itinerante que está a percorrer todos os municipios das comarcas do Ulla-Umia e O Salnés e que se financia a través dun convenio entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería do Medio Rural, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A súa estadía en Valga foi xestionada pola Concellería de Igualdade e Benestar Social para ofrecer á poboación un punto de información e asesoramento, visibilizando ademais o rexeitamento ao acoso e ás agresións de xénero. Esta caravana conta con profesionais especialistas en psicoloxía contra a violencia de xénero e técnicos en criminoloxía e igualdade para atender ás mulleres e aos veciños en xeral. Colaborarán, ademais, con eles as profesionais do Centro de Información á Muller (CIM) de Valga.

A caravana estará emprazada no aparcadoiro do Centro de Saúde de Baño entre as 9 e as 14 horas. Cumprirá con todos os protocolos de seguridade para a prevención da Covid-19.

O GDR Salnés-Ulla Umia puxo en marcha esta Caravana Morada dada a importancia da muller no medio rural e tendo en conta que arredor do 80% dos casos de violencia que se producen en poboacións rurais non son denunciados. Segundo os datos dos que dispón o GDR, a situación de alarma sanitaria e de confinamento agravou o número de agresións e abusos. Nos 98 días que se prolongou o Estado de Alarma, as chamadas ao 016 (teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero) aumentaron en máis dun 40% respecto ao mesmo período do ano pasado.

CartelCaravanaMorada

Volver