- A medida foi consensuada entre o Concello, a Consellería de Educación, a dirección do centro e a Anpa
- O Concello reforzará a limpeza das instalacións para cumprir o protocolo, aínda que non é competencia municipal
Valga, 15 de setembro de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, informou onte aos pais de alumnos do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza que as clases non comezarán mañá, como estaba previsto, senón que o inicio do curso se pospón ata o vindeiro luns, 21 de setembro. A medida foi consensuada entre o Concello, Educación, a dirección do centro e a Anpa debido ao retraso nas obras de rehabilitación integral do colexio, que impediu que ata o de agora se deran as condicións de seguridade necesarias para que a volta ás aulas dos estudantes.
O rexedor e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, mantiveron onte unha xuntaza no Auditorio coas familias do alumnado. Tamén participaron a directora do colexio e a presidenta da Anpa. Bello Maneiro lamentou que “as obras van moi retrasadas” e nestes momentos “non se cumpren as mínimas garantías para que os nenos estean seguros no recinto”. O alcalde afirmou que “non estamos nada satisfeitos con como se están a desenvolver os traballos. A empresa adxudicataria comprometeuse a ter finalizadas as obras na zona de aulas para poder comezar o curso e non o fixo, comprometeuse a vir traballar na fin de semana e non viñeron”. A empresa, insistiu, “ten que facer un esforzo: mandar máis empregados ou reforzar o horario” para acelerar o proxecto de rehabilitación, cuxo remate está previsto para finais de outubro.
O alcalde reuniuse tamén onte con responsables da Consellería de Educación que lle transmitiron que durante esta semana quedarán finalizadas as obras na planta baixa do colexio, a destinada a aulas, de maneira que o luns poidan comezar as clases. Deste xeito, durante o horario escolar, os obreiros non convivirán co alumnado, xa que soamente realizarán tarefas interiores na 1ª e 2ª plantas. Polas tardes, traballarán na cuberta e no exterior. As zonas de obras delimitaranse axeitadamente, con valados de 2-3 metros de altura e con base de formigón para que ningún neno poida movelos ou saltalos.
Bello Maneiro reiterou que deben darse condicións de seguridade para iniciar o curso. “Xa bastantes problemas sanitarios hai”. Por iso, explicou, nos vindeiros días farase unha valoración da situación das obras e, en caso de que non haxa garantía de seguridade para os alumnos, “non empezarán as clases”.
A pesar dos atrancos que está habendo neste atípico inicio de curso, na xuntanza o alcalde pideulle ás familias que valoren o importante investimento que se está a realizar no CEIP Baño-Xanza, case 800.000 euros aportados pola Consellería de Educación. “Costou moito que destinaran estes cartos ao noso colexio, que vai facer 50 anos e todos sabemos as condicións nas que estaba. Era unha obra demandada por todos”. Lembrou, ademais, que “dende o principio se dixo que habería que simultanear os traballos coas clases” durante o comezo do curso, aínda que dunha forma segura. En concreto, a previsión era executar as obras no interior do colexio durante o verán e compatibilizar o remate dos traballos exteriores coa actividade docente (https://www.valga.gal/2087-a-conseller%C3%ADa-educaci%C3%B3n-licita-a-rehabilitaci%C3%B3n-integral-do-colexio-de-ba%C3%B1o-para-poder-comezar-as-obras-este-ver%C3%A1n).
Durante a reunión, arredor de medio cento de persoas interviron para plantexar preguntas ou aclarar dúbidas relacionadas coas obras e outros aspectos a ter en conta antes da volta ás aulas. Entre eles, o da limpeza. “Farase unha limpeza extraordinaria previa ao comezo das clases e reforzarase a limpeza en horario escolar tal e como indica o protocolo da Xunta de Galicia”. Bello Maneiro quixo deixar claro que esta “non é unha competencia do Concello. Estamos ante un problema sanitario e debe ser a Xunta a que se faga cargo, pero aínda así farémolo porque o principal é garantir a saúde e seguridade dos nenos. Despois reclamarémoslle os gastos á Xunta”.