- A Xunta de Galicia investirá 854.064 euros no acondicionamento do centro de Educación Infantil e Primaria
- Os traballos no interior das instalacións executaranse durante o verán
Valga, 6 de maio de 2020.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional licitou as obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza, nas que investirá 854.064’09 euros. O anuncio de licitación xa foi publicado na plataforma Contratos de Galicia e as empresas teñen ata o día 26 de maio para presentar as súas ofertas.
O prazo de execución é de tres meses. A Consellería ten previsto executar as obras no interior do colexio durante este verán e compatibilizar o remate dos traballos exteriores coa actividade docente ao comezo do vindeiro curso.
O CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza está formado por dúas edificacións, unha máis antiga destinada a Educación Primaria e outra máis recente na que se concentran as aulas de Educación Infantil. As obras programadas dentro da rehabilitación integral abranguen os dous edificios.
No edificio de Educación Primaria, que ten unha superficie de 4.332 metros cadrados e foi construído en 1973, executaranse as seguintes obras:
- A substitución da cuberta por panel de sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano, incluídos os canlóns e as baixantes
- Melloras na fachada, que será sometida a reparacións e limpeza e á colocación de illamento térmico.
- Substitución das ventás actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e renovación das persianas.
- Instalación de novas luminarias con tecnoloxía LED nas aulas de arte, de actividades extraescolares e na ludoteca.
- Reforma dos baños da segunda planta, nos que se reformarán as instalacións de fontanería e saneamento, substituiranse os alicatados, pintaranse os teitos, renovaranse os sanitarios e griferías e tamén as carpinterías interiores.
- Outras melloras xerais coma o pintado e acondicionamento de aulas
No edificio de Educación Infantil, de construción moito máis recente e que ten 420 metros cadrados de superficie, a principal actuación a realizar será a mellora do illamento térmico.
As actuacións programadas para este centro educativo completaranse coa limpeza e baleirado da fosa séptica e a instalación do colector para a acometida á rede xeral de saneamento.
A reforma integral do CEIP Baño-Xanza foi anunciada pola Conselleira de Educación, Carmen Pomar, nunha visita que realizou ao propio colexio a comezos do mes de marzo. O obxectivo destas obras é ofrecer ao alumnado do centro unhas instalacións máis cómodas, acolledoras e funcionais para o desenvolvemento da actividade lectiva.
O goberno municipal agradece á Consellería a celeridade coa que licitou o proxecto, que foi aprobado pola Xunta de Goberno Local a mediados de abril xunto coa licenza de obra.