- O proxecto de reestruturación abarca terreos dos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi
- As persoas interesadas poden enviar as súas opinión e achegas ata o día 21 de agosto
Valga, 30 de xullo de 2020.
A concentración parcelaria da zona de San Miguel –que abarca os lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi– avanza un paso máis na súa tramitación por parte da Consellería do Medio Rural. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural abriu o período de consulta pública do documento de cumprimento dos obxectivos xerais para o inicio do proceso de reestruturación.
O documento pode consultarse a través da ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/sites/w_ovmru/files/consultas_publicas/Consulta_de_avaliacion_do_cumprimento_dos_obxectivos_xerais_2.pdf e as persoas interesadas poden enviar as súas opinións, achegas ou propostas de mellora a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo remata o día 21 de agosto.
A reestruturación parcelaria de San Miguel de Valga, xestionada polo Concello ante a Consellería do Medio Rural a petición dun grupo de veciños e propietarios de terreos da zona, ten como obxectivo reordenar a propiedade da terra para mellorar a estrutura territorial agraria.
En concreto, preténdese mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias, de acordo con criterios de ordenación sustentable dos seus cultivos e aproveitamentos co fin de fixar poboación no medio rural e, así, facer rendible a actividade produtiva.
O proceso tamén persegue establecer medidas de agrupación e redimensionamento das terras que non formen parte de explotacións agrarias, para así facilitar a súa mobilización para uso agrícola e favorecer a loita contra o abandono, a formación de novas explotacións ou a súa incorporación ás xa existentes.
Ademais, tamén se terán en conta as zonas de especial valor medioambiental e paisaxístico para garantir a súa conservación.