- Hoxe cumpre os 100 anos e recibiu a visita do alcalde e das concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez
- Agasallárona cunha placa conmemorativa, un ramo de flores e unha torta
Valga, 27 de xullo de 2020.
A veciña de Coto (Campaña) Regina Grela Fernández cumpre hoxe 100 anos e recibiu a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, e das concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez para felicitala por ingresar no club dos centenarios de Valga.
Os representantes municipais agasallárona, en nome de todos os valgueses, cunha placa conmemorativa na que está gravada a lenda “O Concello de Valga a Regina Grela Fernández no día en que cumpre os 100 anos". Tamén lle regalaron un ramo de rosas e un torta para celebrar o aniversario.
Regina Grela ten unha filla, catro netos e seis bisnetos. Sae todos os días, cando o tempo o permite, polos arredores da súa vivenda e unha das súas grandes afeccións é ir de paseo en coche. Cun século de vida recén cumprido mantén o seu espírito optimista e positivo.
Traballou máis de 20 anos na desaparecida fábrica de cerámica Novo y Sierra, na que as mulleres tiñan atribuída as tarefas de colocar os ladrillos arredor do forno para secalos e carrexar a leña para avivar o lume. A centenaria lembra aínda o sistema de funicular que a empresa utilizaba para trasladar o material ata o río Ulla e que agora o Concello está tratando de recuperar. Regina relata habitualmente aos seus familiares como o ladrillo se metía nas vagonetas na fábrica e se levaba “polo aire” ata o porto existente no río Ulla para cargalo en barcos.