Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Centro Superior de Música ofrecerá o domingo 5 de xullo a primeira actuación con público

- A mostra “Contos de Fadas”, da valguesa Sandra Souto, poderá verse durante todo o verán

ComboJazz1

Valga, 29 de xuño de 2020.

Unha exposición de ilustracións de moda, concertos do CSM Galicia e encontros musicais son as primeiras actividades culturais que acolle o Auditorio Municipal dende a declaración do Estado de Alarma pola pandemia do Covid-19.

O Centro Superior de Música, que dende comezos de xuño xa imparte clases presenciais nas instalacións do Auditorio, está a celebrar nos últimos días concertos de clausura do curso a porta pechada. Para mostra, a actuación que ofreceu o venres o Combo de Jazz formado polo profesorado e o alumnado do departamento de Jazz do centro.

 

ComboJazz1 ComboJazz2

Para esta semana hai programados un encontro de dirección coa participación do mestre Cristóbal Soler e unha masterclass de canto coa soprano Elena Valero como profesora. Celebraranse entre o xoves e o domingo. Ademais, esta fin de semana o Auditorio albergará o primeiro concerto con público. Será o domingo, 5 de xullo, ás 19 horas e actuarán a orquestra de cámara Camerata Arven e os alumnos de Dirección e Canto, que ofrecerán un repertorio formado por arias de ópera e romances de zarzuela. O concerto terá o aforo limitado ao 75%, tal e como establece a normativa en vigor, e os asistentes deberán cumprir coas normas hixiénicas e sanitarias, tales coma o uso de mascarilla e o mantemento da distancia interpersoal.

Dende hoxe luns reabre tamén a cafetería con horario de verán: de luns a venres de 9:00 a 14:30 e de 19:30 a 23:00, os sábados de 9:00 a 23:00 horas e os domingos 10:30 a 23:00. Neste mesmo horario, pode verse na sala de exposicións do Auditorio a mostra “Contos de fadas”, formada por ilustracións de moda da valguesa Sandra Souto Gontad. Esta exposición, que fora inaugurada días antes da declaración do Estado de Alarma, permanecerá durante todo o verán no Auditorio para que os veciños poidan gozar co talento da artista, natural de Reguengo (Setecoros) e agora residente en Londres.

Son arredor de 25 as ilustracións que forman parte da mostra e que conxugan as dúas das grandes paixóns de Sandra, a moda e natureza. “Son dúas temáticas constantes nas miñas obras, dalgún xeito estas dúas ideas van sempre unidas cando debuxo e fusiónanse ata xerar un mundo máxico imaxinario”. O uso de cores alegres e vibrantes con liñas elegantes e delicadas caracterizan os traballos desta artista, que adoitan centrarse na figura feminina.

ContosdeFadas5 ContosdeFadas7

Hai que lembrar, ademais, que no Auditorio tamén está aberta ao público a biblioteca municipal, tanto para a recollida e devolución de préstamos como para consulta de obras na sala de estudo, e sempre cumprindo coa normativa sanitaria. O horario é de 9:00 a 14:30.

Volver