- As empresas poden entregar as súas propostas no Rexistro do Concello ata o vindeiro 23 de xuño
- Teñen que ofertar un canon mínimo de 1.412’80 euros anuais
Valga, 2 de xuño de 2020.
O procedemento de contratación do servizo de xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción reanúdase despois de que quedara paralizado a consecuencia da declaración do Estado de Alarma pola pandemia do coronavirus Covid-19.
Os prazos retómanse no mesmo punto no que foran interrompidos, de maneira que as empresas que queiran presentar as súas ofertas teñen aínda 22 días para facelo (ata o 23 de xuño) no Rexistro do Concello, en horario de 8 a 15 horas.
Os pregos polos que se rexe a licitación son os mesmos que aprobou o Pleno no mes de marzo e establecen que os licitadores teñen que ofertar un canon anual mínimo de 1.412’80 euros.
A empresa concesionaria estará obrigada a asumir a xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción, realizar a recollida de voluminosos e enseres como mínimo unha vez ao mes, levar a cabo a recollida, xestión e limpeza dos contedores de envases lixeiros (amarelos) e de papel e cartón (azuis). Tamén deberá subrogar ao persoal –un condutor e dous peóns–, deberá facerse cargo dos residuos que xa están depositados nas instalacións e darlle o tratamento axeitado e asumirá o mantemento da maquinaria e a contratación das pólizas de seguros necesarias.
O contrato terá unha duración inicial de 5 anos, prorrogables ata un máximo de 15 e o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, que obterá a rendibilidade económica das tarifas que percibirá dos usuarios polo depósito de residuos. Os prezos serán os recollidos na ordenanza municipal, na que se establece un mínimo de 3 euros por entrega, a gratuidade do servizo para os empadroados en Valga e un límite máximo ao depósito que poden realizar os mesmos de xeito gratuíto. Tamén poderá obter beneficios da xestión dos envases lixeiros e do papel e cartón, así como da venda de chatarra.
O Punto Limpo e a Planta de Residuos da Construción deberán abrir un mínimo de tres días á semana de 9 a 13 e de 15 a 19 horas. Os residuos mínimos admisibles serán os seguintes: voluminosos de liña branca (frigoríficos, lavadoras e grandes electrodomésticos), voluminosos de liña marrón (colchóns, somieres e mobiliario de uso común), aparellos eléctricos e electrónicos, vidro, restos orgánicos de poda e limpeza vexetal doméstica, papel e cartón, metais, envases lixeiros, roupa usada e téxtiles, fluorescentes, aceites doméstico e mineral, envases de disolventes, pinturas e vernices, escombros procedentes de obras, pilas de uso doméstico, madeira. Así mesmo, a empresa concesionaria deberá realizar o baleirado e transporte de lodos da depuradora municipal a un centro autorizado para o seu tratamento.