- As empresas poden entregar as súas propostas no Rexistro do Concello ata o vindeiro 23 de xuño

- Teñen que ofertar un canon mínimo de 1.412’80 euros anuais

 

Valga, 2 de xuño de 2020.

O procedemento de contratación do servizo de xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción reanúdase despois de que quedara paralizado a consecuencia da declaración do Estado de Alarma pola pandemia do coronavirus Covid-19.

Os prazos retómanse no mesmo punto no que foran interrompidos, de maneira que as empresas que queiran presentar as súas ofertas teñen aínda 22 días para facelo (ata o 23 de xuño) no Rexistro do Concello, en horario de 8 a 15 horas.

Os pregos polos que se rexe a licitación son os mesmos que aprobou o Pleno no mes de marzo e establecen que os licitadores teñen que ofertar un canon anual mínimo de 1.412’80 euros.

A empresa concesionaria estará obrigada a asumir a xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción, realizar a recollida de voluminosos e enseres como mínimo unha vez ao mes, levar a cabo a recollida, xestión e limpeza dos contedores de envases lixeiros (amarelos) e de papel e cartón (azuis). Tamén deberá subrogar ao persoal –un condutor e dous peóns­–, deberá facerse cargo dos residuos que xa están depositados nas instalacións e darlle o tratamento axeitado e asumirá o mantemento da maquinaria e a contratación das pólizas de seguros necesarias.

O contrato terá unha duración inicial de 5 anos, prorrogables ata un máximo de 15 e o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, que obterá a rendibilidade económica das tarifas que percibirá dos usuarios polo depósito de residuos. Os prezos serán os recollidos na ordenanza municipal, na que se establece un mínimo de 3 euros por entrega, a gratuidade do servizo para os empadroados en Valga e un límite máximo ao depósito que poden realizar os mesmos de xeito gratuíto. Tamén poderá obter beneficios da xestión dos envases lixeiros e do papel e cartón, así como da venda de chatarra.

O Punto Limpo e a Planta de Residuos da Construción deberán abrir un mínimo de tres días á semana de 9 a 13 e de 15 a 19 horas. Os residuos mínimos admisibles serán os seguintes: voluminosos de liña branca (frigoríficos, lavadoras e grandes electrodomésticos), voluminosos de liña marrón (colchóns, somieres e mobiliario de uso común), aparellos eléctricos e electrónicos, vidro, restos orgánicos de poda e limpeza vexetal doméstica, papel e cartón, metais, envases lixeiros, roupa usada e téxtiles, fluorescentes, aceites doméstico e mineral, envases de disolventes, pinturas e vernices, escombros procedentes de obras, pilas de uso doméstico, madeira. Así mesmo, a empresa concesionaria deberá realizar o baleirado e transporte de lodos da depuradora municipal a un centro autorizado para o seu tratamento.

boton auditorio

boton edificio usos admin

boton casa cultura

boton codi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bella otero

boton rueiro

boton tokapp

boton directorio

boton tempo

Volver