- Investiranse 180.000 euros en actuacións de pavimentación, nova iluminación, melloras no saneamento e na recollida de augas e acondicionamento do lavadoiro
- Habilitaranse dúas escaleiras para permitir o acceso dende a estrada N-550
Valga, 8 de febreiro de 2020.
A Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento sacou a contratación o proxecto de reurbanización da Rúa Baixa e do entorno do Centro de Interpretación da Caña do País, unha actuación deseñada polo Concello e que conta cun orzamento de 179.999’68 euros. Recolle obras como a pavimentación, a mellora dos servizos de saneamento, recollida de augas e iluminación e o acondicionamento do lavadoiro existente na zona, entre outras.
A Rúa Baixa, que arranca na estrada N-550 e chega ata a ribeira do río Valga, ten un carácter singular, xa que comeza como unha rúa urbana e, no seu devir, transfórmase en sendeiro. A paisaxe vai cambiando ao seu carón, de construída a entorno natural. Hai que destacar, porén, que se trata dunha rúa que acolle tres fitos dentro do seu percorrido: o Museo da Historia, o Centro de Interpretación da Caña do País e un interesante lavadoiro.
As obras que se levarán a cabo no marco deste proxecto inclúen a pavimentación da Rúa Baixa combinando formigón e granito do país en pezas de grande formato. A pedra colocarase nas zonas máis nobres –entradas dos edificios, fronte ao Museo da Historia e a Praza do Concello– para poñer en valor os puntos salientables do percorrido. Tamén se levarán a cabo melloras no saneamento e na recollida de augas pluviais.
Para mellorar o acceso ao Centro de Interpretación da Caña habilitarase un camiño formado por pezas de formigón con formatos variables. No exterior do edificio crearase unha zona axardinada e incorporarase mobiliario urbano.
A intervención para a posta en valor do lavadoiro é unha cuestión principal dentro do proxecto. Búscase liberar esta peza constrinxida entre terreo, muros, escaleiras e volumes edificados. Para isto, procederase á demolición das escaleiras da edificación existente, os aseos, o almacén e tamén os chanzos de baixada á pía de lavado, que se substitúen por unha rampa para facela máis accesible.
Disporase no seu arredor un pavimento de lousas de granito e colocaranse bancos e luminarias para a valorización tanto da pía coma do espazo adxacente á mesma. A edificación existente sobre o lavadoiro revestirase con entaboado vertical de madeira, buscando a súa mellor integración na paisaxe.
A carón do lavadoiro proxéctase un pequeño aparcadoiro executado con terra estabilizada. Ademais, melloraranse os accesos dende a estrada N-550 coa construción de dúas escaleiras aproveitando o talud existente.
As melloras neste entorno afectarán tamén á iluminación, coa dotación de equipos de alta eficiencia enerxética mediante o uso de lámpadas LED, que permitirán reducir os custos de mantemento.