- As tarefas consisten na retirada de árbores mortas e madeira acumulada e na realización de rozas selectivas
- Afectan a zonas interurbanas con risco potencial de inundacións
Valga, 3 de outubro de 2019.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do organismo Augas de Galicia, está a executar actuacións de limpeza e conservación nos treitos interurbanos dos ríos Valga e Louro.
Os traballos lévanse a cabo nos treitos interurbanos destes cauces e forman parte dos traballos de mantemento de zonas con risco potencial de inundacións, centrándose na retirada de árbores mortas e madeira acumulada, así como elementos susceptibles de causar atoamentos. Os operarios tamén realizan rozas selectivas puntuais para que os ríos queden despexados de maleza, posibilitando a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico, co obxectivo de mellorar os leitos fluviais e promover os usos sociais nas contornas dos ríos.