Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As carpetas, que se utilizarán para os concertos, son de cor negra e teñen impreso no exterior os escudos de Valga e da agrupación

- A Polifónica de Cordeiro, que iniciou a súa actividade en decembro de 1994, está a piques de cumprir as súas vodas de prata

carpetasCoral1

Valga, 28 de agosto de 2019.

O Concello de Valga fixo entrega á Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro de novas carpetas para todos os seus integrantes. Foron os concelleiros do equipo de goberno Pedro Calvo, Begoña Piñeiro e Malena Isorna os que participaron no acto de entrega, que tivo lugar no Auditorio Municipal durante unha sesión de ensaio da agrupación cultural. Tamén estiveron presentes a presidenta da Coral, Valentina Ferro, e o director, Manuel López Castro.

Os novos portafolios cos que contan os membros da Coral valguesa son de cor negra e teñen impresos no exterior os escudos da agrupación e do Concello de Valga. Serán os que utilice a partir de agora a Coral nos concertos e actuacións, en substitución doutras carpetas que hai 22 anos foran doadas por un integrante do colectivo, Ricardo Abuín Mariño. “Estas estaban xa moi deterioradas e cando chegaron a mans dalgúns dos actuais membros da Coral eran de segunda man, posto que xa foran usadas con anterioridade por outras persoas”, explica a presidenta, que trasladou o seu agradecemento e de todos os seus compañeiros ao Concello “por esta aportación e pola súa colaboración constante” coa agrupación polifónica.

A Coral Santa Comba conta na actualidade con 50 membros. Comezou a súa andaina o 31 de decembro de 1994, polo que está a piques de cumprir o seu 25 aniversario. O vindeiro 5 de outubro celebrará no Auditorio Municipal o Festival de Outono, que nesta edición terá como agrupacións convidadas á Rondalla de Cariño e ás corais de Asados (Rianxo) e Tapia de Casariego (Asturias). Con anterioridade, o 23 de setembro, viaxará a Bueu para participar nun concerto organizado pola agrupación Maruxiña.

carpetasCoral2 carpetasCoral3

carpetasCoral4

Volver