Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A procesión de catamaráns discorrerá por Valga entre as 18:00 e as 18:15 horas, aproximadamente

- Este singular itinerario marítimo-fluvial, no que colabora o Concello, foi declarado de interese cultural pola Xunta de Galicia

remonte2018

Valga, 18 de xullo de 2019.

A Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla celebra este domingo, 21 de xullo, unha nova edición do Remonte do Ulla, co que se conmemora o traslado dos restos do Apóstolo Santiago ata o porto da cidade romana de Iria Flavia.

A “Translatio”, que cumpre a súa XXXV edición, ten prevista a súa saída as 16:20 horas dende o porto de Tragove, en Cambados, e arribará a Pontecesures arredor das 18:30, segundo as estimacións da organización. A procesión de catamaráns pasará pola praia fluvial de Vilarello entre as 18:00 e 18:15 horas, aproximadamente.

A Ruta Translatio ou Ruta Xacobea do mar de Arousa e o río Ulla naceu no ano 1963 por iniciativa da Fundación Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla, entidade que promociona o Camiño de Santiago, e foi declarada de interese cultural e galego pola Xunta de Galicia no ano 1999. Consiste nunha colorida procesión marítimo-fluvial que parte dende diferentes portos da Ría de Arousa –este ano Cambados- con destino a Pontecesures e Padrón e na que participan embarcacións engalanadas e numeroso público.

Este singular itinerario rememora o traxecto realizado no século I pola barca que transportaba os restos de Santiago O Maior logo do seu martirio en Xerusalén. Conta a tradición que, unha vez alcanzadas as costas galegas, a embarcación remontou a Ría de Arousa e o río Ulla ata alcanzar o porto de Iria Flavia.

Ademais da entidade promotora, a Fundación Ruta Xacobea, colaboran nesta actividade un total de 18 concellos das comarcas de Arousa, O Ullán e Sar, entre eles o de Valga. O goberno municipal anima aos veciños a acudir á área lúdica de Vilarello este domingo para ver o paso das embarcacións polo tramo valgués do Ulla.

Volver