- As entradas xa poden adquirirse por 5 euros no Concello, no Auditorio, no CODI e en Radio Valga

- Parte do diñeiro recadado destinarase a financiar as actividades que organiza Asdivalu para persoas con discapacidade intelectual

deusnoscollaconfesados

Valga, 10 de xaneiro de 2019.

A obra de teatro “Deus nos colla confesados”, que a compañía Zinco3 Audiovisuais estrea o vindeiro día 19 no Auditorio Municipal, colectará fondos para colaborar con Asdivalu, asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia. Parte dos recursos que se recaden nesta función irán destinados a sufragar o funcionamento deste colectivo, que organiza entre outras actividades sesións de musicoterapia e de balneario para persoas con discapacidade intelectual.

A función terá lugar a partir das 20 horas do sábado 19 e as entradas teñen un prezo de 5 euros por persoa. Xa poden adquirirse tanto no Auditorio coma nas oficinas do Concello, no CODI e tamén en Radio Valga. O propio día da estrea tamén poderán mercarse no despacho de billetes do Auditorio.

As risas están aseguradas con “Deus nos colla confesados”, unha comedia rural protagonizada polo locutor de Radio Valga Pedro da Devesa (que tamén se encarga do guión e da dirección da obra), Manuel Liste e Antía Castro. O equipo complétano dúas persoas responsables da produción.

Baseada nalgunhas anécdotas reais que Pedro da Devesa viviu durante a súa etapa como sancristán en Campaña, a obra relata a historia dun novo cura que chega á parroquia. Alí atópase con Fito, un enterrador moi particular xunto ao que vivirá non poucas andanzas. Case en paralelo chega tamén ao lugar unha monxa moza e moderna á que envían dende o convento para realizar o seu traballo de fin de estudos. O roubo da reliquia do patrón da parroquia a poucos días da festa grande desencadeará moitas sorpresas e tramas humorísticas.

Este proxecto teatral comezou a xestarse hai meses, cando a Pedro da Devesa e a Manuel Liste lles propuxeron participar nunha gala benéfica. Idearon para a ocasión os personaxes do cura e o enterrador e tiraron dun humor moi galego e moi rural. “Foi un éxito, houbo moitas risas entre o público”, comenta Pedro, polo que decidiron manter os personaxes e incluso participaron con eles en varios programas de televisión como Luar. “Foi a partir de aí cando comezamos a pensar en montar unha obra”, explica. “E, xa que se vai estrear no meu concello, que menos que poder colaborar cunha asociación local como Asdivalu, sobre todo tendo en conta a problemática que está a haber coa financiación do CODI. Ademais de axudar, é unha forma de dar a coñecer o traballo da asociación e o servizo que presta o CODI de Valga”. Por iso, Pedro da Devesa anima a todos os veciños a asistir ao espectáculo. “Cantos máis sexamos, máis diñeiro imos xuntar para a asociación”, remarca.

Trala función de Valga, xa están programadas outras dúas representacións en Ribadumia o día 22 de febreiro para escolares e o 23 do mesmo mes para o público en xeral.

boton auditorio

boton casa cultura

boton codi

boton sede electronica

boton bandos

boton youtube largo

boton bella otero

boton rueiro

boton directorio

boton radio

boton tempo

Volver