- Esta tarde recibirán os seus diplomas logo de completar 25 horas lectivas
- A vindeira fin de semana continúan as actividades formativas co curso de dirección musical
Valga, 4 de xaneiro de 2019.
Un total de dezasete alumnos están a participar dende o mércores nun curso de frauta traveseira organizado pola Escola Municipal de Música, o Concello de Valga e a asociación Musival.
As sesións formativas, con traballo grupal e individual, están a desenvolverse no Auditorio Municipal e sumarán 25 horas lectivas divididas en dous módulos formativos: Técnica, pedagoxía e repertorio da frauta e Música de cámara.
O mestre que se encarga de impartir o curso é Iago Lariño Rodal (Cangas do Morrazo, 1984). Cursou estudos de frauta traveseira no Conservatorio Superior de Música de Vigo e, máis tarde, ampliou a súa formación na Hochschule für Musik, en Detmold (Alemaña). Forma parte da Orquesta Joven Sinfónica de Galicia, da Joven Orquesta Nacional de España e da World Youth Orchestra, entre outras agrupacións. No que respecta á súa faceta como docente, deu clase en diversas escolas de música e conservatorios e actualmente é profesor de frauta e banda no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.
O curso rematará esta tarde coa entrega de diplomas aos participantes.
A vindeira semana, entre os días 11 e 13, a Escola de Música ten prevista unha nova actividade formativa. Trátase do o segundo encontro do Curso de Dirección Musical que comezou no mes de outubro e que imparten Pere Molina González, director titular da Orquestra de Cámara de Valencia, Manuel Villar Touceda, director da Escola e da Banda de Música Municipais de Valga, e Mar Durán Rodríguez, profesora de Psicoloxía no Universidade de Santiago.
Este curso diríxese a titulados profesionais e superiores en Música de calquera idade ou procedencia que aspiren a desenvolver a súa aprendizaxe no campo da dirección musical, e a profesores de escolas de música ou conservatorios que aspiren a potenciar as súas carreiras e mellorar as súas capacidades como directores. Admítense como máximo oito alumnos activos que traballarán coa "Sinfonía nº1 en Do Maior" de Ludwig van Beethoven.