- Os traballos consisten na limpeza dos paramentos verticais e no enfoscado de paredes e aseos
- O alcalde e a concelleira de Emprego visitaron esta mañá a obra xunto á directora do Obradoiro
Valga, 20 de decembro de 2018.
Os integrantes do módulo de albanelería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III, que comparten os concellos de Valga e Moraña, retomaron nos últimos días as obras de acondicionamento interior no edificio de usos administrativos.
Esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, o arquitecto municipal, Serafín Vigo, e a directora do obradoiro, Mª Carmen Vidal, visitaron a obra. Os traballos que se están a executar consisten na limpeza dos paramentos verticais, o enfoscado de paredes en zonas comúns da primeira planta, no baixo cuberta e nas escaleiras, e enfoscados a base de revestimento rugoso nos aseos.
Con estas actuacións os dez alumnos deste módulo comezaron a poñer en práctica os coñecementos adquiridos previamente, se ben a formación teórica aín da continúa impartíndose nas aulas e nos talleres.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III deu comezo a mediados de novembro e prolongarase ata o mes de agosto de 2019 coa participación de dez desempregados de Valga e outros tantos de Moraña. Os vinte alumnos, doce mulleres e oito homes, estanse a formar nas especialidades de albanelería e acondicionamento forestal por un período de nove meses durante o que perciben o salario mínimo interprofesional.
A Xunta de Galicia aporta 288.807 euros para financiar esta acción formativa, mentras que os concellos de Valga e Moraña sufragan os materiais para as obras que se executarán nos respectivos municipios. O obxectivo final é favorecer a inserción no mercado laboral dos participantes.