- O alcalde e a concelleira de Emprego acompañaron a Núñez Feijóo nunha visita á fábrica de vehículos especiais
- Bello Maneiro solicitou a colaboración da Xunta para poder contar cun parque empresarial e atraer a novas empresas ao municipio
Valga, 17 de decembro de 2018.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego e Industria, Carmen Gómez, acompañaron esta mañá ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita á fábrica valguesa da empresa URO, adicada ao deseño, fabricación e comercialización de vehículos especiais e todoterreo.
Participaron tamén na visita a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. As autoridades mantiveron primeiro un encontro cos directivos da empresa e despois foron guiados por José Sierra, fundador e presidente de honra, e Justo Sierra, director executivo, nun percorrido pola factoría. A visita rematou coa exhibición dun dos vehículos fabricados por URO na que participou o presidente da Xunta como copiloto.
Feijóo puxo a Valga e a URO como exemplos do bo facer a nivel empresarial. “Esta é unha compañía líder mundial nun sector que depende enormemente da tecnoloxía, cun forte compoñente de innovación e chave para a seguridade e a defensa dos países. Dende Valga exporta ao mundo os seus vehículos especiais, fabricados case artesanalmente en función de cada contrato e competindo coas mellores marcas a nivel internacional. Estamos ante un milagre económico e industrial”, destacou Feijóo.
URO, fundada no ano 1981 e que dende 2014 conta cunha factoría en Valga, ten presencia en 25 países de todo o mundo, dende Europa a América, África, Oriente Medio e Asia. Adicada ao deseño, fabricación, comercialización e post venda de vehículos especiais e todoterreo, ten como os seus principais produtos o vehículo de alta mobilidade táctica (Vamtac), o camión todoterreo (TT URO) e o vehículo todoterreo lixeiro (Vamtac Lite), todos con aplicacións militares pero tamén civís, xa que son empregados como vehículos policiais, contra incendios, de emerxencias, ambulancias, máquinas quitaneves, recollida de basuras ou traballos agrícolas e forestais, entre outras aplicacións
O 75% das súas vendas destínanse a fins militares e o restante 25% a usos civís. Dentro destes, o sector para o que máis traballa é a loita contra incendios. Os vehículos de mantemento e actuacións en liñas férreas ou de metro son tamén un nicho de mercado en crecemento.
Ten como principais clientes a administracións públicas, que supoñen arredor dun 90% do seu volume de negocio, limitándose o comercio con entidades privadas a un 10% do total. A facturación da empresa oscila entre os 40 e os 60 millóns de euros anuais, e conta xa con carga de traballo para os dous próximos anos. A fábrica de Valga, que en 2014 comezou a súa andaina con 78 empregados, conta agora cuns 200 traballadores. A estes hai que engadir outros 250 empregos indirectos vencellados ás empresas auxiliares.
URO é proveedor de referencia do Ministerio de Defensa español. O último contrato 2013-2019 supuxo a construción de 772 unidades por valor de 149 millóns de euros. É, igualmente, proveedor do Ministerio de Defensa de Portugal e da OTAN, que teñen contratados entre 2019 e 2020 un total de 139 vehículos por 60 millóns de euros. Tamén a Administración de Parques Nacionais de Arxentina lle ten contratado 60 camións cortalumes por 11 millóns de euros. “Estamos, sen dúbida, ante unha das empresas máis internacionalizadas de Galicia e de España, é un orgullo e un exemplo da capacidade industrial que ten Galicia”, remarcou o presidente da Xunta.
Núñez Feijóo louvou as políticas postas en marcha polo Concello de Valga e que facilitaron o desembarco no municipio de empresas punteiras como URO. “O Concello de Valga apostou por ser un concello emprendedor, diminuíndo todos os impostos locais de licencias de construcción e de actividade económica con bonificacións superiores ao 95%. Grazas a esa decisión estratéxica, en Valga é máis barato e competitivo construír e consolidar empresas”.
O alcalde, pola sua parte, remarcou que “o Concello está a traballar para atraer a novas empresas ao municipio e tamén para facilitar que as compañías que xa están asentadas, medren”. O principal obstáculo, lamentou, é “a carencia de solo industrial que poidamos poñer a disposición das empresas. Precisamos un parque empresarial e estamos traballando para conseguilo. Esperamos contar coa aportación da Xunta de Galicia para que se leve a cabo”.