Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os traballos inclúen a retirada e clasificación dos residuos e a revexetación dos solos

- O goberno municipal pide á veciñanza que empregue o Punto Limpo e non tire lixo en espazos naturais

vertidos1

Valga, 17 de decembro de 2018.

A Xunta de Galicia está a eliminar dez puntos de vertido incontrolado detectados nos montes de Valga, unhas obras que teñen un custo estimado de 40.000 euros e que comezaron a semana pasada. Estase a intervir nos lugares de Vilares, Parafita, O Pino, Vilar, Magariños, Reguengo, Gándara e Carballiño, cun plan de traballo que inclúe a recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas e tamén a revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.

Estes vertedoiros ilegais están recollidos nun informe elaborado por persoal municipal dentro das tarefas de vixilancia que levan a cabo nas zonas públicas e espazos naturais. Algunhas das verteduras remóntanse a anos atrás, ainda que tamén se detectaron acumulacións de lixo recentes. Residuos procedentes de traballos de construción e demolición, plásticos, madeira, pneumáticos fóra de uso, voluminosos, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, vidro e restos de poda son algúns dos materiais que se teñen retirado ata o de agora.

A eliminación destes focos de contaminación corre a cargo da Consellería de Medio Ambiente, dentro dun calendario de eliminación de vetedoiros ilegais en distintos puntos da provincia co obxectivo de minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados por este tipo de focos e concienciar á poboación das consecuencias de depositar lixo en espazos naturais. Entre os anos 2015 e 2017 a Xunta xa procederá á eliminación doutros dezanove vertedoiros incontrolados cun investimento de case 75.000 euros.

Dende o goberno municipal pídese aos veciños que eviten estas prácticas que causan dano ao medio ambiente e que contribúan a manter limpos os espazos públicos e entornos naturais, lembrándolles que teñen á súa disposición o servizo do Punto Limpo (os martes de 9:00 a 14:00 horas e os venres de 15:00 a 19:00) e tamén o servizo de recollida de voluminosos o último venres de cada mes (é preciso anotarse antes do último luns de mes chamando ao Concello).

 

vertidos2 vertidos3

vertidos4 vertidos5

Volver