Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O acto celebrado no Auditorio contou coas intervencións do alcalde e do secretario xeral de Polítiga Lingüística da Xunta

- Actuaron Roi Casal e un cuarteto de vento da Escola Municipal de Música

SNL1

Valga, 15 de decembro de 2018.

 O Concello de Valga conmemorou esta tarde  o 25 aniversario do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, un cuarto de século no que o galego pasou a ser o idioma no que se desenvolven todos os actos administrativos do Concello.

O acto celebrado no Auditorio contou coa asistencia do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e interviu tamén o alcalde, José María Bello Maneiro, que lembrou que á súa chegada ao goberno local, en 1991, se daba a “paradoxa” de que “a administración municipal se desenvolvía integramente en castelán a pesar de que a maioría dos veciños empregaba o galego como lingua na que relacionarse”. Por tal motivo, “unha das primeiras decisións adoptadas foi a de contratar un técnico en lingua galega” para comezar a introducir o galego na administración local.

En 1993 Valga convirteuse nun dos primeiros concellos de Galicia en crear un Servizo de Normalización Lingüística que impulsara e coordinara a utilización do galego en todos os ámbitos da administración municipal. Os seus obxectivos eran aplicar a Lei de Normalización Lingüística de Galicia e ofrecer apoio e asesoramento lingüístico tanto aos traballadores municipais como a os veciños. En definitiva, normalizar o uso do galego nos diferentes ámbitos da vida pública. Este servizo forma parte dende a súa constitución da Rede de Normalización Lingüística da Xunta e da coordinadora de traballadores de normalización lingüistica e conta, ademais, cunha ordenanza municipal propia: a “Ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello de Valga”.

No ano 1994, o Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística comeza a traballar coa Real Academia Galega para adicar un Día das Letras Galegas ao insigne valgués Xesús Ferro Couselo. Foi, finalmente, no ano 1996, colaborando o Servizo Municipal de Normalización coa RAG na organización de todas as actividades conmemorativas, que tiveron como colofón un acto académico na igrexa parroquial de Santa Comba de Cordeiro. Nese mesmo ano, ademais, créase o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo como homenaxe a esta insigne figura da cultura galega e para promover e incentivar os estudos actuais de investigación.

Outro fito importante ao que se referiu o alcalde foi a posta en marcha da radio municipal, Radio Valga, que “dende os seus inicios foi un dos poucos medios informativos de Galicia que pode presumir de empregar só o galego nas súas emisións”. Isto conseguiuse convencendo aos anunciantes de que as súas cuñas publicitarias fosen en galego grazas á campaña “A publicidade na nosa radio en galego”, impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística. Non foi a única, senón que ao longo destes 25 anos leváronse a cabo outras campañas como “Festas en galego”, “Ler en galego, por que non?” ou “Merca en galego”, ademais de organizar diversos cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega.

O cambio foi salientable dende aquel 1993 e “seguiremos traballando para que o galego sexa a lingua dos nosos veciños e a do Concello. Iso si, sempre con políticas de concienciación e nunca impoñendo”, concluiu o alcalde.

O secretario xeral, pola súa banda, destacou que este cuarto de século foron “anos fundamentais para a recuperación do uso do galego e para a súa implantación na administración”. O Concello de Valga foi “pioneiro” na creación dun Servizo de Normalización Lingüística e “é un modelo a seguir para outros concellos no que ao emprego da lingua galega se refire”, dixo Valentín García. “O galego en Valga é hoxe unha lingua viva e normalizada”, ratificou.

 Tralas intervencións, o acto continou cun concerto de Roi Casal, que interpretou coa arpa textos musicados de Rosalía de Castro ou Manuel María, entre outros. Acompañárono Carlos Calviño á guitarra e Ioana Pérez co violín. Por último, actuou un cuarteto de vento da Escola Municipal de Música. Lorena Rodríguez (clarinete), Moisés Barreiro, Pablo Castaño e Sergio Piñeiro (saxofóns) tocaron o Himno de Valga e o Himno Galego para pechar a tarde.

SNL2 SNL3

SNL4 SNL5

Volver