- As dúas actividades desenvolveranse durante o mes de xaneiro
- As inscricións poden realizarse a través da páxina web www.bandadevalga.es ou chamando ao teléfono 609 918 325
Valga, 14 de decembro de 2018.
A Escola Municipal de Música, o Concello de Valga e a asociación Musival organizan un curso de frauta traveseira que se desenvolverá entre os días 2 e 4 de xaneiro no Auditorio.
Será impartido por Iago Lariño Rodal (Cangas do Morrazo, 1984), integrante da Orquesta Joven Sinfónica de Galicia, da Joven Orquesta Nacional de España e da World Youth Orchestra, entre outras agrupacións. No que respecta á súa faceta como docente, é actualmente mestre de frauta e banda no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.
O prezo do curso é de 45 euros por alumno, 35 euros para socios do colectivo Musival.
Tamén no mes de xaneiro, entre os días 11 e 13, a Escola de Música ten previsto impartir o segundo encontro do Curso de Dirección Musical que comezou en outubro. Como en anteriores ocasións, o equipo pedagóxico estará integrado por Pere Molina González, director titular da Orquestra de Cámara de Valencia, Manuel Villar Touceda, director da Escola e da Banda de Música Municipais de Valga, e Mar Durán Rodríguez, profesora de Psicoloxía no Universidade de Santiago.
O curso diríxese a titulados profesionais e superiores en Música de calquera idade ou procedencia que aspiren a desenvolver a súa aprendizaxe no campo da dirección musical, e a profesores de escolas de música ou conservatorios que aspiren a potenciar as súas carreiras e mellorar as súas capacidades como directores. Admítense como máximo oito alumnos activos que traballarán coa "Sinfonía nº1 en Do Maior" de Ludwig van Beethoven.
O plan de estudos estará dividido en cinco materias: técnica e didáctica da dirección musical, orquestración, psicoloxía e pedagoxía da dirección, análise do repertorio e prácticas coa agrupación residente. O obxectivo é que os alumnos estuden e desenvolvan as técnicas xestuais para a dirección musical, dominen as múltiples responsabilidades que recaen sobre o director dunha agrupación profesional, comprendan de forma integral as cuestións psicolóxicas e pedagóxicas que inflúen na súa actividade e adquiran a formación teórica e práctica requerida para a incorporación profesional.
As inscricións para as dúas actividades poden realizarse a través da páxina web www.bandadevalga.es, contactando coa Escola Municipal de Música por correo electrónico (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) ou por teléfono nos números 986 556 769 e 609 918 325.