- Estas subvencións diríxense a estudantes de segundo ciclo de Infantil, Bacharelato, FP, universitarios, ensinanzas artísticas superiores e alumnado con necesidades educativas especiais
- Con esta iniciativa o Concello quere favorecer a escolarización en centros públicos e a formación superior
Valga, 13 de decembro 2018.
A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa reunión deste mediodía, a concesión de axudas para material e transporte escolar a un total de vinte e catro familias do municipio.
As subvencións para a adquisición de material escolar outorgáronse a catorce familias que así o solicitaron. A convocatoria destas axudas tiña como beneficiario ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil de todos os centros públicos do municipio (colexio de Baño e Centro Rural Agrupado).
No tocante ás subvencións para transporte escolar, dirixíanse a estudantes de Bacharelato, Formación Profesional, ensinanzas artísticas superiores, universitarios e alumnado con necesidades educativas especiais matriculados en centros non radicados en Valga. Neste caso as axudas concedidas foron dez.
A comisión encargada de avaliar as solicitudes tivo en conta criterios como a renda da unidade familiar, atoparse en situación de desemprego ou ter recoñecida unha discapacidade. No caso do transporte escolar, tamén se valorou a distancia do centro educativo en quilómetros.
Con estas liñas de axudas o Concello trata de favorecer a escolarización en centros públicos e a formación superior nas familias valguesas con menos recursos económicos.