- A actividade de recuperación das tradicións e do patrimonio cultural cumpre a súa undécima edición
- Participaron as asociación A Eira, Axentiva e Asdivalu e alumnado dos colexios de Baño e Cordeiro e do CRA
Valga, 11 de decembro de 2018.
A sementeira do trigo regresou a Ferreirós da man de maiores e nenos valgueses que compartiron unha mañá de moito traballo e de aprendizaxe. Esta actividade de recuperación das tradicións agrarias e de conservación do patrimonio cultural local enmárcase dentro dos Encontros Interxeracionais, que cumpren a súa undécima edición e que continuarán nos próximos meses coa sega, a malla e, por último, a festa do trigo. Trátase dunha iniciativa que promove a convivencia entre distintas xeracións de veciños a través das lembranzas e da experiencia dos maiores e nela colaboran os colectivos A Eira, Axentiva, Asdivalu e a asociación de mulleres rurais Albor.
Alumnos das escolas unitarias do Centro Rural Agrupado (CRA), de 3º e 4º cursos de Primaria do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro e de 5º do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza acudiron á cita co pasado. Participaron, primeiro, nuns obradoiros lúdicos e formativos sobre o proceso de produción do trigo e colaboraron na creación dun espantallo.
Despois, axudaron aos maiores a sementar o trigo como se facía antano, cando a maquinaría aínda non chegara ao sector agrario e había que botar man da unión entre veciños para axudarse os uns aos outros coas tarefas da terra. Cun arado de pau abríanse as marxes, que despois se tapaban con angazos. E, por último, cubríase o gran espallado con legoñas. Ademais de trigo, tamén se sementaban outros cereais como centeo ou avea e facíase en grandes leiras, xa que o produto, destinado á alimentación das familias, tiña que durar todo o ano.
A última edición dos Encontros Interxeracionais resultou pouco produtiva. A colleita foi moi escasa xa que a sementeira tivo que pospoñerse ata a primavera por mor das malas condicións meteorolóxicas. Por iso, nesta edición optouse por sementar o chamado “trigo de cedo”, que adoitaba plantarse arredor do mes de novembro, lembran os maiores.
Unha merenda tradicional na que se degustaron chourizos, queixo, sardiñas e rosca puxo o colofón á actividade.