Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O xoves e o domingo rexistráronse as maiores afluencias, con máis de 2.300 persoas por día

- Nesta semana colexios de Valga, Pontecesures e Boiro achegaranse a ver o nacemento

BAVisitas6

Valga, 10 de decembro de 2018.

O Belén Artesanal en Movemento recibiu durante a súa primeira semana de apertura unhas dez mil visitas. As xornadas festivas e máis onte domingo foron os días de maior afluencia de público, con longas ringleiras de visitantes durante as tardes e agardas de ata unha hora e media para poder entrar a ver o nacemento.

Na xornada inaugural, o pasado domingo 2, achegáronse ao Belén Artesanal un milleiro de persoas, entre elas os viaxeiros de cinco excursións organizadas que recalaron en Campaña en autobús e que procedían, nalgúns casos, de Vigo e Avilés (Asturias). O día da Constitución, o xoves 6, xa dende a mañá se deixou notar un grande movemento de persoas, moitas delas en grupo ou en familia. E pola tarde a alfuencia multiplicouse ata superar as 2.300 persoas durante toda a xornada, unha cifra récord que obrigou a manter aberto o Belén ata as 22 horas, cando a hora de peche establecida son as 20:30.

Durante a fin de semana mantívose esta tónica. O sábado 8 acáronse as 2.100 visitas. Xa pola mañá chegaron a Campaña tres autobuses procedentes de Vigo e Ourense, ademais doutros moitos particulares, e pola tarde a cola de xente que agardaba para ver o nacemento bordeaba máis da metade do complexo deportivo. Visitantes de Madrid, Asturias, Burgos, Salamanca, Valladolid e moitas localidades galegas elixiron o Belén de Valga como alternativa de ocio e turismo. No tocante a onte domingo, foi outra das xornadas de récord, acadando de novo a cifra de 2.300 persoas, unhas duascentas viaxeiros de catro autobuses.

O Belén Artesanal en Movemento conta nesta edición con máis de 4.600 figuras dispostas nunha superficie de 400 metros cadrados. Incorporáronse este ano duascentas figuriñas e novas edificacións como unha impresionante réplica do edificio do Auditorio Municipal ou o Centro de Interpretación da Caña do País.

Hai homenaxes póstumas a persoeiros do mundo da cultura como Monserrat Caballé e tamén a personaxes locais, como o fotógrafo Anxo Abalo e o pintor Pepe Potel. Tamén en clave local, destacan as figuriñas das catro centenarias valguesas: María Bouzas (102 anos), María Josefa Senín, Jesusa Elvira Pardal e Juana Martínez Pose (100 anos), esta última tristemente falecida hai tan só uns días.

Outros asuntos que foron actualidade durante 2018 e que aparecen reflexados no Belén son o cambio de goberno, as novidades do “procés”, a non exenta de polémica renovación do liderado no Partido Popular, o corenta aniversario da Constitución ou o rifirrafe entre as raíñas Letizia e Sofía en Mallorca a conta dunha fotografía.

A manifestación en contra da derogación da prisión permanente revisable, o cárcere no que comparten cela algúns dos presos máis famosos, un casamento que nada ten que envexar ao da herdeira do imperio Inditex, Marta Ortega, o dúo de Amaia e Alfred en Eurovisión, os tres concursantes galegos da pasada edición de Operación Triunfo, o 35 aniversario do videoclip “Thriller” de Michael Jackson ou un Celta-Real Madrid de fútbol son outras das novas escenas que comparten protagonismo coa Virxe María, Xosé e o Neno Xesús. Todo feito de maneira artesanal polos veciños conxugando tradición e actualidade, modernidade e costumismo.

Nesta edición, ademais, os visitantes poden disfrutar da nova composición do xardín exterior do Belén, que foi acondicionado e decorado para dar a benvida a todos os visitantes.

O Belén Artesanal en Movemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o 13 de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través dos números de teléfono 986 55 94 56 ou 630 95 25 15.

Para esta semana, ademais do horario habitual de apertura, están programadas visitas matinais de colexios de Valga, Pontecesures e Boiro, unha residencia de Ferrol e excursionistas de Salceda de Caselas, entre outros.

          BAVisitas1            BAVisitas2

BAVisitas3 BAVisitas4

BAVisitas5 BAVisitas7

Volver