- Á función, a cargo compañía Pallasos en Rebeldía, asistiron alumnos do IES e do colexio Ferro Couselo
- Unha nena que fuxe da guerra e un rapaz soldado representan dous mundos separados só por un valado
Valga, 5 de decembro de 2018.
Estudantes de 4º, 5º e 6º cursos de Primaria do colexio CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo e de 1º e 2º da ESO do IES de Valga asistiron esta mañá no Auditorio Municipal ao espectáculo teatral “O Valo”, unha creación de Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas.
Baseada no texto homónimo de Carlos Labraña que recibiu o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, o obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que foxe delas, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián de fronteiras móbiles. Dous mundos e dúas realidades separadas só por un valado.
A obra de teatro, dirixida por Iván Prado e protagonizada polos actores Fran Rei e Saleta Fernández, está a percorrer os municipios socios do Fundo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre eles Valga. Esta organización está integrada por 96 concellos e tres deputacións provinciais que concentran deste xeito os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese, así, unha xestión profesional e transparente, ademais da realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.